ROLDA DE PRENSA EN VÍDEO DE ÓSCAR GILSANZ, NOEL E MARIO…PARTE DOS HEROES DO RC DEPORTIVO XUVENIL.

 

Óscar Gilsanz, o capitán Mario Domínguez e o goleador Noel López compareceron esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR ante os medios de comunicación. Con eles estaba o trofeo de campión do grupo 1º da División de Honra e por suposto o trofeo que o acredita como campión da Copa de Campións, convertendo ao Xuvenil A no mellor equipo de España da categoría.

O técnico deportivista aproveitou esta comparecencia pública para “botar a vista atrás aos últimos once meses de traballo nunha temporada tan complicada como esta con paróns, confinamentos, as súas semanas de adestramento sen competición… Todas esas dificultades e sobre todo o traballo que fixeron os xogadores todos estes meses. Ao final chegaron nun momento moi bo a esta fase final e o resultado en canto ao xogo e ao resultado é o que é”.

Mario pensou nada máis pitar o final o colexiado do encontro en “todo o que loitamos durante todo o ano, todo o que traballamos día a día sen pensar no final. Mirar á xente que estaba alí, aos familiares en casa, a xente do Dépor que estaba en todos os sitios. É unha emoción incrible”.

Noel cualificou de “incrible que toda a afección estivese alí. Despois do asubío final botamos a chorar ou a correr a calquera lado. Todo foi froito do traballo”.

O técnico coruñés queda “cos abrazos, que son a maneira de demostrar o afecto, o traballo e o que falamos da palabra equipo. Ver aos xogadores coas súas familias emocionados porque cada un sofre individualmente nisto do deporte. É a imaxe que me queda”.

O capitán Mario resalta “as bágoas nos ollos dos compañeiros, ese abrazo que che queda para sempre, os familiares chorando”.

Noel lembra especialmente “o abrazo cos meus pais dous minutos ou tres despois de acabar e o levantamento da Copa”.

O centrocampista branquiazul fai memoria da traxectoria do Xuvenil A nesta fase final: “Contra Las Palmas xogamos en casa e gañamos 2-1. Imos morrer alí. Este equipo está moi unido, viuse dentro do campo. No cruzamento, cando nos toca o Real Madrid iamos con ilusión. Sabiamos que eles eran os favoritos pero coñeciamos as nosas armas, o que tiñamos que facer para chegar á final. Este equipo todo o que se propoña pódeo facer porque estamos unidos sempre. Na final fixemos un xogo parecido ao Real Madrid pero saíu mellor. Merecémonolo e somos campións porque así o quixemos facer nós”.

Noel apunta que “o máis importante que logramos é estar unidos, tanto os que non xogaban como os que pasaban por momentos difíciles. O esencial para chegar á final é ir paso a paso. Primeiro celebramos ser campións de grupo, daquela o da segunda fase e aos poucos de cuartos de final até a final”.

Óscar Gilsanz subliña que “hai moito talento dentro do equipo e sábeno desenvolver no campo. É un valor que ten este Club. Cada paso que se dea a partir de agora será diferente. Non todos piden o mesmo ritmo de pasos cara a adiante. Nese ritmo que se lle dea estará a clave para o futuro. Os xogadores comentan ese ambiente, esa familia que se crea. Se lles preguntas a eles seguro que quererán seguir todos xuntos. No fútbol iso é difícil pero hai que darlle normalidade, continuidade ao proxecto”.

-Vídeo e Texto : RC Deportivo


Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies