ROLDA DE PRENSA E PRESENTACIÓN DE JAIME SÁNCHEZ : “IMPRESIONA XOGAR EN RIAZOR, É UN CAMPO DE 1ª DIVISIÓN”.

 

Jaime Sánchez Muñoz (Chiclana de la Frontera, Cádiz, 11 de marzo de 1995) foi presentado esta mañá como novo xogador do Deportivo para esta campaña.

O central gaditano pousou en primeiro lugar coa súa nova camiseta para os medios gráficos no campo principal de Abegondo, acompañado polo presidente do Club, Antonio Couceiro.

Xa ante os medios de comunicación, Jaime, que se estreou en ABANCA-RIAZOR o pasado domingo con motivo da LXXVI edición do Trofeo Teresa Herrera, confesou que “impresiona moito o estadio. É de Primeira División. É unha alegría poder xogar aquí como local e para todos os xogadores é moi bonito”.

Móstrase “moi contento” despois dun mes no Deportivo: “Desde o primeiro momento que cheguei aquí quedei sorprendido polo que é o Dépor, a estrutura, as instalacións, ABANCA-RIAZOR… Estou moi contento de estar aquí”.

En canto ao obxectivo do primeiro equipo, teno claro: “Todo o mundo sabe cal é, ascender este ano a Segunda División”.

De feito, sente que o equipo “é de Primeira División. Están a facerse as cousas moi ben. Temos un equipazo e o obxectivo podémolo lograr perfectamente”.

Firma por unha temporada e espera “dar o máximo para o equipo, xogar o máximo posible e conseguir o ascenso. O ano que vén o que diga o Club, o que pense eu tamén. Pero centrado neste ano e en conseguir o obxectivo deste ano”.

Despois de superar unha lesión longa, comprende que “a xente poida pensar que non puidese alcanzar o nivel que tiña antes. Pero creo que si. Desde que me recuperei levo dous anos e medio sen darme problemas. Este ano quero seguir demostrando que estou ben fisicamente e que podo competir ao máximo nivel”.

Anima así mesmo a apoiarse nun psicólogo: “Creo que é necesario. Eu fíxeno. Cando me lesiono non teño esa mentalidade de que o psicólogo é importante pero dinme conta de que si. A día de hoxe sigo traballando con el e creo que é moi importante”.

Procedente da CE Sabadell que xogou en Segunda División a campaña pasada, admite que “dou un paso atrás na categoría pero é o Dépor. Se te chama o Dépor é moi complicado dicir que non, aínda que agora mesmo estea nunha situación que non é o normal. Pero segue sendo o Dépor e tarde ou cedo vai volver a estar onde se merece”.

De feito, recoñeceu que Mackay, tamén no cadro catalán a temporada pasada, “chamoume para falarme do que é o Dépor. Xogou un papel importante. Sempre está ben ter un compañeiro co que estiveches un ano, que xa o coñeces, que é o teu amigo”.

A Jaime tamén lle agrada o estilo de xogo de Borja Jiménez, “a maneira de pensar que ten. Está a traballar moi ben para que o equipo asimile o que el quere. Podemos facelo perfectamente porque temos un equipo para o seu estilo de xogo”.

Ex xogador da canteira do Real Madrid, espera o partido deste domingo 15 de agosto (19:00 horas) en ABANCA-RIAZOR ante o Castilla “con moitas ganas. Xa non quedan compañeiros cos que compartín vestiario pero si corpo médico e xente do corpo técnico que teño moitas ganas de velos e moita ilusión de enfrontarme a eles”.

-Foto, Texto e Vídeo : RC Deportivo