ROLDA DE PRENSA DO “MAGO DE SAMARUGO” : “NON FACEMOS CONTAS, IMOS SEMANA A SEMANA”.

 

Diego Villares cre que unha vitoria este domingo 15 de decembro ás 21:00 (hora galega, 20:00 hora local, LaLiga TV Hypermotion) no Heliodoro Rodríguez López de Tenerife “sería despegarnos desa zona baixa, que é o que necesitamos”.

Recoñece que na clasificación de LaLiga Hypermotion “sempre miras ao que tes máis preto. Todos queremos mirar máis arriba e non abaixo”.

Non oculta que “nos gustaría mirar un pouco máis arriba e en canto sexamos capaces de encadear unha serie positiva podémolo facer”.

Con 3 partidos até o parón do Nadal e para o final da primeira volta, asegura que “non facemos contas. Imos semana a semana tentando sacar o máximo a cada partido, os máximos puntos posibles, que iso é o que che vai a dar a tranquilidade”.

Admite Villares que “nos está custando un pouco máis sacar os partidos adiante en ABANCA-RIAZOR. Estamos máis cómodos fóra, polo menos os resultados así o fan ver. Agora temos outro partido fóra e tentaremos facer un bo encontro e traer os 3 puntos”.

Cre que “os rivais veñen a ABANCA-RIAZOR preparados para o partido que teñen que facer e a partir de aí ponnos as cousas complicadas. Cústanos un pouco máis propor xogo e ser dominadores, que é a base da que debemos de partir para mellorar”.

Ve a Óscar Gilsanz como “sempre, aínda que cos seus pequenos cambios”; e resta importancia á ausencia de Lucas este domingo porque “é normal. Nun equipo sempre hai moitas baixas e máis entrada a temporada por lesións ou sancións. Esperemos recuperar canto antes a todos os efectivos”.

Finalmente, do CD Tenerife, o centrocampista branquiazul afirma que “está a pasar momentos complicados. Na temporada hai momentos complicados para todos. Temos que saber xogar con iso e sacar o máximo partido posible”.

Iso si, apunta que non hai que fiarse porque “ten as súas armas arriba con xogadores moi dinámicos. En casa sempre van saír moi motivados e van querer dar o mellor”.

-Foto, texto e vídeo : RC Deportivo

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies