Diego Villares Yáñez (Vilalba, 17 de xuño de 1996) foi nomeado Xogador Estrella Galicia do mes de novembro no Dépor polas súas actuacións nos partidos disputados ante Real Unión, SD Logroñés, SD Tarazona e Osasuna B.
A terna de finalistas elixidos polos medios de comunicación que cobren a diario a información do equipo branquiazul foi a formada polo mediocentro lucense e os centrais Pablo Martínez e Pablo Vázquez.
A votación non deixou lugar a dúbidas, xa que Diego Villares levou o 74 % dos votos, polo 20 % de Pablo Martínez. Pola súa banda, Pablo Vázquez logrou o 6 % dos votos.
Ante os medios de comununicación, Diego Villares mostrouse orgulloso de recibir o Premio Estrella Galicia porque “a todos nos gusta que se recoñeza o noso traballo mediante este tipo de premios pero o que máis nos gusta é que o equipo e a dinámica sexa boa e nestes momentos todos sabemos que non está a ser a mellor posible”.
Sobre o partido deste domingo 17 de decembro en Espiñedo ante o CD Arenteiro (19:00, TVG-2 e FEF TV), último do ano 2023, é consciente que “fóra de ABANCA-RIAZOR todos os equipos no seu campo dan un pouco máis. Están ante a súa xente, a súa afección, visítaos o Dépor. É un partido especial e máis un equipo galego como o CD Arenteiro que está a facer as cousas moi ben. Vai ser un partido difícil”.
Cre que é “normal” os asubíos do pasado domingo en ABANCA-RIAZOR “despois dun partido malo que fixemos”.
O centrocampista branquiazul recoñece que o encontro ante o Sestao River “cambia bastante dos partidos que xogaramos esa semana como Barça B e CD Tenerife. Non sei se nos pasou factura esa presión por gañar e vernos aí un pouquiño máis preto de todo. Está todo aí na parte alta moi igualado. Entón non sei se nos puido pasar un pouquiño de factura iso ou se tamén os minutos que levamos esa semana puideron notarse”.
Finalmente, Villares ve a Imanol Idiakez “traballando como sempre” e admite que “temos partidos bos a nivel futbolístico e outros, como pode ser o outro día (ante o Sestao River) non tan bos ou mesmo malos”.
-Foto, vídeo e texto : RC Deportivo