O capitán do Deportivo, Diego Villares, coñecido polos nosos peñistas vilabeses como O Mago de Samarugo, volveu amosar o seu carácter sereno e a súa disposición total ao servizo do equipo antes do duelo ante o Valladolid. O vilalbés destacou que, por enriba das posicións ou das baixas, o compromiso e o traballo diario son o que define a este Dépor.
“Nunca falamos directamente de cambiar de posición, pero o míster sabe que estou para o que faga falta. Se toca axudar atrás, aí estarei. Ao final, adestramos todos os días para estar preparados en calquera situación”, explicou o mediocentro.
O de Samarugo recoñeceu que cada xogador se sente máis cómodo na súa posición natural, mais subliñou a importancia da versatilidade nun equipo que busca solidez:
“Cando o adestrador pide algo distinto, tes que estar listo. É parte do que somos como grupo”.
Aprender a non meterse tan atrás
Villares tamén fixo autocrítica sobre o comportamento do equipo nos últimos encontros, especialmente cando o rival aperta tras verse por detrás no marcador:
“Durante a semana falámolo. Comezamos ben posicionados e sen deixar espazos, pero despois do noso gol fomos retrocedendo algo máis do necesario. Temos que mellorar nese tipo de situacións e aprender a manter o control aínda que o rival aprete”.
Ao ser preguntado se o paso atrás foi mérito do Racing ou demérito deportivista, o capitán foi claro:
“Un pouco de todo. Eles empurraron moito pola súa banda esquerda, pero nós tamén recuamos máis do que deberiamos”.
Un equipo tocado polas lesións, pero non rendido
Con varias baixas sensibles, Villares lamentou as ausencias, mais quixo transmitir confianza nos compañeiros:
“As lesións sempre doeñ, pero é algo co que convivimos. O importante é que quen entre o faga con confianza. Temos xente de sobra para cubrir calquera posición, como se viu o outro día con Mella, Lucas ou Lou”.
Recuperar a mellor versión ante o Valladolid
O capitán ten claro o obxectivo: volver ofrecer a versión sólida e atrevida do comezo de liga.
“Confío plenamente en que si. O equipo está traballando ben, o míster está sendo esixente e nós tamén o somos entre nós. Queremos volver a Riazor con forza e deixar atrás esta mala xeira”.
Villares pediu calma e perspectiva:
“Sabemos como é esta categoría. Haberá rachas boas e outras non tanto. Agora tócanos unha menos positiva, pero o importante é seguir traballando. Temos moito por diante, e non hai dúbida de que chegarán as boas sensacións”.
A importancia de apretar arriba
Sobre o estilo que mellor lle senta ao Dépor, o de Samarugo amósase claro:
“Cando presionamos alto é cando máis cómodos estamos. Defender moi atrás cóstanos máis. Canto máis lonxe teñamos ao rival da nosa área, mellor”.
Pensando xa no Valladolid
O Deportivo comeza a preparar os detalles do encontro fronte ao Valladolid, un rival que esixirá solidez defensiva:
“É un equipo que centra moito e ataca ben as posicións de área. Temos que mellorar nese aspecto, porque o outro día eses despistes custáronnos caro”.
O regreso a Riazor e reencontro con vellos coñecidos
O choque traerá tamén o regreso de dous exbranquiazuis: Guille Bueno e Trilli.
“Con Guille coincidín pouco, pero con Trilli vivín de todo, bos e malos momentos. É un amigo, e sempre fai ilusión volver velo en Riazor”, confesou con sorriso.
E rematou coa ilusión de volver ao fortín coruñés:
“Na casa, coa nosa xente, é onde mellor nos sentimos. Xa temos ganas de volver e de darlle unha alegría a Riazor”.
-Foto e vídeo : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”