ROLDA DE PRENSA DE TINO FERNÁNDEZ E PRESENTACIÓN DO DOCUMENTAL : “SUPERDEPOR QUÉROTE IGUAL”

-Tino Fernández : Aférrome a que temos un bo grupo de futbolistas, o corpo técnico, e espero que se poidan recuperar as versións e os rendementos doutras fases da temporada
-Presentación documental : “SuperDepor quérote igual”-

Tino Fernández, falou a petición dos xornalistas trala presentación esta mañán do documental, “SuperDepor quérote igual”, que trasmitirá este xoves Movistar Plus no seu programa “Informe Róbinson”. Un acto no que estivo Augusto César Lendoiro, Aldana, Guillín, “Barritos Botana”, Pachi Dopico e outros persoerios daqueles gloriosos anos. Non estivo Arsenio Iglesias por motivos de saúde. No acto todos eles falaron daqueles anos e desvelaron anédotas. Tras este acto como decimos, falou o actual presidente deportivista que está convencido de que o equipo volverá a dar o rendemento do meses atrás.

ROLDA DE PRENSA DE : TINO FERNÁNDEZ

(Por : rcdeportivo.com)

Após a preestrea do Informe Robinson “Súper Dépor quérote igual” na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR, o presidente do Real Club Deportivo, Tino Fernández, atendeu cuestións de actualidade non sen antes valorar a obra que acababa de ver: “esta reportaxe é unha obra mestra audiovisual sobre todo para os que queremos ao Deportivo. Estou seguro que á xente vaille a gustar moito cando a vexa, e espero podámola utilizar no noso museo como peza audiovisual que se poida gozar cando veña a visitalo porque reflicte unha parte da brillante historia do Deportivo. Aínda que como dixo o presidente Lendoiro hai máis partes e poderíanse facer máis reportaxes similares. Está moi ben, é súper emocionante e eu recoméndollo á xente”, aseverou.

Cuestionado pola situación do equipo afirma que “viñemos de Málaga relativamente satisfeitos dun partido que puidemos gañar e coa ilusión de que este mes fose especialmente bo, pero ás veces estas contas da leiteira de que imos facer moitos puntos antes de xogar os partidos poden producir o efecto contrario. Convén centrarnos partido a partido, semana a semana, esta toca xogar e gañar en Oviedo e nada máis. Estamos a tempo, quedan once partidos e temos que pelexar partido a partido sen facer máis contas que o do partido seguinte”.

Seguinte partido que se xogará o domingo en Oviedo con 3.000 deportivistas nas bancadas do Novo Carlos Tartiere: “Hai que agradecer a mobilización e a cantidade de persoas que imos mover a Oviedo, 3.000 persoas, e a ver se podemos vir contentos”.

Tino Fernández non eludiu que “é indubidable que non estamos nun bo momento de xogo, que estamos atascados entre tebras e non estamos a ter esa claridade e fluidez que tivemos noutros momentos da temporada e precisamente a iso aférrome, a que temos un bo grupo de futbolistas, o corpo técnico, e espero que se poidan recuperar as versións e os rendementos doutras fases da temporada. O Deportivo gañou todos os partidos contra os equipos que están en ascenso directo e con relativa autoridade. Insisto que se fomos capaces, somos capaces, esa é a miña confianza e xogadores e corpo técnico están motivados para iso e trátase de romper a dinámica de agora que estamos máis espesos e sen ese chisco de sorte”.

Reiterou que “a confianza é a mesma porque este equipo, estes xogadores e este corpo técnico conseguiron todos eses resultados, é o que espero que se poida recuperar. Aférrome a iso, a que somos un equipo que compite ben. Temos que ir a Oviedo a xogar máis tranquilos, seguramente a diferenza entre o Almería e nós, como afrontaron o partido a nivel de serenidade. O noso obxectivo é recuperar a versión que nos permitiu gañar aos rivais máis difíciles da categoría.”

Sobre as sensacións da afección do Dépor, Tino Fernández cre que “o noso mellor aliado, o natural, é a afección. Estamos encantados co apoio, pero o que está a pasar é que a pixota se morde a cola, o equipo non estamos igual que estivemos e xeramos o desgusto da afección de todos os que veñen a Riazor. Uns reaccionan animando máis e outros doutra maneira, pero tamén é xente que nos quere e por iso temos que ser comprensivos e adestrador e xogadores ser os primeiros que rompan o círculo vicioso conseguindo mellores resultados que fan que iso non pase. Natxo e todos os xogadores están a desexar dar unha alegría á xente. Imos facer as cousas ben e a clasificación poranos onde corresponda. Xogar o playoff non sería un fracaso, queremos ascender a Primeira, e se é a través do playoff será a través del. Pero até entón partido a partido”.

Foi claro falando do adestrador “de Natxo González en ningún momento expuxémonos nada no Consello de Administración”, e das decisións dos Comités: “cada Club manéxase á súa maneira, nós non somos de comunicados nin facer ruído. Expresámonos onde nos temos que expresar, pero se atendemos aos números de faltas sufridas e cometidas e aos vídeos, non entendemos nin compartimos e aos que temos que dicirllo dixémosllo”, finalizou.

+++++++++++++++++++++++++++++++++++++

PRESENTACIÓN

“SUPERDEPOR QUÉROTE IGUAL”

O céspede e a sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR foron o escenario da preestrea do Informe Robinson “Súper Dépor, quérote igual”, o traballo audiovisual de Movistar Plus que lembra o nacemento do Dépor máis brillante da historia, desde o ascenso a Primeira División a principios dos anos 90 até o primeiro título, a Copa do Rei do 95.

Nunha homenaxe a un dos artífices daquel equipo que marabillou a un país, Arsenio Iglesias, os autores daquelas xestas como o presidente Augusto César Lendoiro, o gran capitán do Deportivo, Fran González Pérez, xogadores que marcaron a varias xeracións como Mauro, Bebeto, Donato ou Adolfo Aldana, o segundo adestrador Carlos Ballesta e outros protagonistas xornalísticos e culturais da época, recuperan durante máis dunha hora as vivencias de todo o deportivismo.

Xunto aos autores da reportaxe documental, hoxe os presidentes do Deportivo Tino Fernández e Augusto César Lendoiro, conselleiros como Ramón Piña, Enrique Calvete, Pachi Dopico ou Pepe Guillín, o delegado Juan Ángel Barros, e o exblanquiazul Adolfo Aldana, gozaron xunto aos medios de comunicación da cidade da preestrea dun traballo que verá a luz en Movistar Plus mañá xoves día 28 a partir das 22:00 horas. Unha cita ineludible con #anosahistoria para todos os deportivistas.

-Ambas novas son unha xentileza de rcdeportivo.com-

+++++++++++++++++++++++++++++++++++

-Se queres mandarnos algunha información e fotos de deportes, podes facelo no correo : info@piratasdemuxia.es-

-Debaixo das publicidades tes como contactar connosco
se queres axudarnos poñendo a túa-

-COLABORA COA NOSA WEB-

Queres que a tua publicidade salga en todas as nosas noticias?…

Por moi pouco a tua publicidade chegará a milleiros de persoas o día, pois somos o medio de maior difusión da Costa da Morte con moita diferenza e cun espectro de alcance de pobos e persoas, moi extenso, con máis de 60.000 usuarios rexistrados e antre 20.000 e 36.579 visitas o día, triplicando ao segundo medio de comunicación máis seguido e cuadruplicando o terceiro.

Se queres anunciarte connosco e colaborar ca nosa web, contacta connosco no email info@piratasdemuxia.es ou no teléfono : 626 72 00 47.

Consúltanos que tipo de publicidade queres, por un ano cobramos menos ca outros, (de repercusión moi inferior), nun día, semana ou mes.

-Axudándonos a funcionar, axudaraste a que che coñezan-

 

Attachment

Leave a Comment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies