ROLDA DE PRENSA DE SABIN MERINO : “O MELLOR E QUE A LIGA TERMINE XA QUE HAI DATAS E HAI TEMPO”

 

Sabin Merino foi o protagonista o luns na sala de prensa virtual do RC Deportivo.

O dianteiro deportivista explica que está a levar “bastante ben” esta situación de confinamento a consecuencia da pandemia por coronavirus. “É crear a túa rutina, ter o día o máis ocupado posible. Cos adestramentos e a recuperación faise todo máis levadío. Por sorte teño espazo para traballar”, engade.

A nivel mental asegura sentirse “bastante ben dentro do que cabe. Temos que facer o que está nas nosas mans e pensar nas cousas que nos benefician. O que vaia a pasar coa competición non está nas nosas mans. Por encima do deporte está a saúde individual de cada persoa. Agora mesmo esa é a prioridade. Nós temos que estar preparados se se xoga ou se non se xoga. Somos futbolistas profesionais e mentalmente temos que estar preparados para moitas cousas. Unha delas é esta”.

Confesa que estes días duros de illamento está a pasalos na Coruña: “No seu día falei cos meus pais e pensamos que o máis prudente para todos era que quedase aquí. Non son vacacións, é confinamento. Había que ser o máis prudente”.

Fisicamente, lesionado no último partido celebrado no Estadio de los Juegos Mediterráneos de Almería, o ariete branquiazul admite que sufriu unha “pequena rotura no isquiotibial, no semimembranoso. Por sorte tiven moito tempo para recuperarme. Dentro do que cabe os prazos foron moi longos e atópome bastante ben. A carga de partidos fixérame ter estas pequenas molestias e ter estes prazos de recuperación tan longos ao final neste caso tiven a sorte que me beneficia”.

Preguntado polo futuro da competición ligueira, Sabin Merino opina que “é un sistema complicado. A día de hoxe creo que o máis xusto para todos é que a liga termine. Terminala nos prazos previstos é imposible e teremos que xogar noutras datas. Unha vez decidido isto, se se alarga máis do 30 de xuño, o máis xusto para todos é chegar a un acordo no que os xogadores que acaban contrato e están cedidos poidan seguir aquí para terminar a temporada. Pero ao final estamos a falar de algo que non sabemos e xa veremos como termina”.

Insiste en que non contempla que “non se poida xogar. Hai datas, hai tempo e esperemos que se poida xogar”.

Sobre a situación do equipo no momento de parar a liga, admite o futbolista vasco que “levamos unha xeira difícil, na que encaixamos moitos goles, na que non conseguimos gañar. A produción ofensiva é parecida á da serie positiva. O único que cambiou é que materializamos menos. O que nos levou a gañar 7 partidos seguidos foi defender xuntiños, defender ben e aproveitar as nosas ocasións. Agora cambiou un pouco isto. Encaixamos goles pronto e ao final vas a remolque e é difícil gañar. Pero creo que o equipo en xeral ten que reencontrar a liña que nos fixo gañar e a partir de aí virán as vitorias”.

Por este motivo, cre que é até positivo este parón para o equipo porque despois dunha serie negativa, “vainos a vir ben para recargar pilas, desconectar e volver coas pilas a tope pensando en gañar desde o minuto 1”.

Recoñeceu que o Club “falou cos capitáns e comunicoulles que non ía haber ningún ERTE. LaLiga e os clubs seguen mantendo reunións. É un pouco de incerteza o que vai pasar. Comunicounos o Club que ía falar connosco esta semana para valorar as diferentes opcións que se expoñen”.

 

 

-Foto, Texto e vídeo RC Deportivo

++++

Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es

Contrata a tua publicidade connosco e chegarás cada día a milleiros de persoas.