ROLDA DE PRENSA DE RUBÉN DE LA BARRERA : “Independentemente do que supoña para eles poder recibir ao Dépor, ten que notarse desde o primeiro momento que o que se está xogando o obxectivo somos nós”.

 

Rubén de la Barrera manifestou na sala de prensa de Abegondo que a receita para puntuar este domingo 25 de abril no campo de Miramar ante o Marino de Luanco (17:00 horas, Footters) é “facendo o noso da mellor maneira, dándolle moita importancia a calquera tipo de detalle. As dimensións son máis reducidas pero á súa vez o que me ocupa é facer aínda mellor aquilo que nos está permitindo gañar partidos. E doutra banda evitar situacións nas que eles se poidan beneficiar: perdas, contraataques, balón parado… Estas cuestións que poden condicionar o partido, achegalo aos seus intereses”.

Subliña o técnico coruñés que en Luanco, “independentemente do que supoña para eles poder recibir ao Dépor, ten que notarse desde o primeiro momento que o que se está xogando o obxectivo somos nós”.

Xogando lonxe de ABANCA-RIAZOR, apunta que “o equipo ten que crecer, ten que, por unha banda, ter claro o que quere facer; e por outro atreverse a facer aquilo que lle vai a permitir rédito. Esa é a diferenza que explica esa diferenza ofensiva entre os partidos que disputamos en ABANCA-RIAZOR e os que disputamos fóra”.

Nesta liña pide “dar varios pasos á fronte, sabendo as consecuencias que tería unha vitoria o domingo cara aos nosos intereses. É facer moito mellor as cousas para lograr algo que até a data, e fóra de Vigo, non se logrou. E iso pasa por mellorar o noso rendemento”.

Recalca que desde a súa chegada ao Deportivo, “no primeiro mes custounos un pouco máis e agora levamos unha media importante, case 2,20 ou 2,25 por partido e iso é unha cifra moi elevada. Noutras condicións permitiríanos falar doutras cousas e mesmo agora onde estamos a pelexar por un segundo obxectivo que non era o pretendido, fainos estar nunha situación onde a día de hoxe tes máis puntos que equipos que están a loitar por ascender a Segunda División A. Pero isto é así. Hai que adaptarse a isto e temos que ter claro que isto constitúe un novo reto e isto témolo que lograr, témolo que facer. Iso pasa por gañar o domingo en Asturias ao Marino”.

Do rival, o conxunto asturiano, está convencido Rubén de la Barrera que “vai saír a tope a por nós. Non me imaxino outro tipo de partido que ese, competido, disputado. Eles coas súas armas tentarán complicarnos moito as cousas. E como nos colla despistados nalgún momento ímolo a pagar. Temos un referente recente como é o día de Langreo, diferente o partido pero similar noutros aspectos. Temos que expoñer máis, facer máis cousas con balón para dificultar ao rival”.

Ademais, lembra respecto da transcendencia do partido e do cualificativo de final que “finais estamos a xogar desde hai tempo. Pero prefiro ir a catro puntos do terceiro que non a un ou a ningún. Do que se trata é de evitar ter que afrontar outro partido como o que tivemos que afrontar ante o CD Numancia. Iso pasa por aproveitar a primeira oportunidade e a primeira é en Luanco. Dependemos de nós e teriamos opcións de poder selalo á semana seguinte contra o UP Langreo en ABANCA-RIAZOR. Espérome un partido moi complicado pero temos que poñer da nosa parte para que as cousas caian a favor e non en contra. Sempre crin na meritocracia do que un propón e expón nun partido; sabendo que vai haber situacións nas que nos vai a tocar defender ben a área, situacións de xogo directo, de xogo exterior, a balón parado e de abrir a defensa do Marino”.

Ademais, presume da “fortaleza mental” do grupo porque “estando a un do terceiro, noutro momento da temporada o partido anterior ante o CD Numancia non o gañamos. Síntoo así. Isto fala ben do equipo e do seu estado emocional a día de hoxe”.

-Foto, Vídeo e Texto : rcdeportivo.es