ROLDA DE PRENSA DE RUBÉN DE LA BARRERA : “ESTO NON PARA E A VERDADE TRALA DECEPCIÓN DO DOMINGO O LUNS FOI VER COMO A XENTE ESTÁ CENTRADA EN SEGUIR CRECENDO E FACER AS COUSAS BEN”.

 

 

Rubén de la Barrera asegurou hoxe xoves na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que “desde o luns levamos visto que a xente está centrada no único importante, que é seguir crecendo, seguir facendo as cousas ben e afrontar o próximo partido o domingo coa mellor predisposición posible”, en referencia á visita do Marino de Luanco a ABANCA-RIAZOR ás 19:00 horas (TVG), no primeiro partido do subgrupo 1D de Segunda División B.

O técnico deportivista confesa que após quedar apeados da fase de ascenso houbo que “cerciorarse de que a xente está ao que ten que estar. Pero é verdade que iso dura o que durou. A xente desde o primeiro momento xa che mostra a predisposición cara a continuar e afrontar o seguinte da maneira na que o estamos facendo nas últimas xornadas”.

Explica que o mellor termómetro posible foi o pasado luns: “Coa xente que menos minutos disputou contra o Zamora CF ou os que non chegaron a gozar de minutos no partido foi unha sesión tremenda. Cando un está conectado iso sucede. E cando un non o está, iso non sucede”.

Rubén de la Barrera percibe desde a súa chegada ao Deportivo que “o equipo deu un paso. Creo que atopamos unha maneira que nos permite competir ben e á súa vez achegar a cada un dos xogadores a aquilo que son. As capacidades deles están aí e afortunadamente están a saír e vanse repetindo con moita frecuencia. E iso creo que é o importante e o positivo. Trátase agora de manter algo que ten que ver coa estabilidade e que nos permita competir; e doutra banda ir axustando e matizando para ver se somos capaces de ser algo mellores con respecto ao último partido”.

Preguntado polo seu futuro á fronte do Deportivo, o adestrador coruñés apunta que “estamos centrados no momento máis importante que é o presente, o actual, e chámase Marino de Luanco. É o único obxectivo que temos todos. E cando falo de todos falo do Club”.

Recoñece iso si que “hai feeling entre todas as partes. O día a día é moi bo. Pero acerca do que poderá pasar ou do que non, non é algo que tocamos. Restan por xogar seis partidos e iso é o que ten que ocupar a todo o mundo. Por tanto chámase Marino a película”.

Insiste pois en que “a gran mensaxe é o que expresa o Presidente asegurando a viabilidade e que o Club, ocorrese o que ocorrese, resultase fortalecido máis aló de que na categoría na que arranques determina a velocidade do proxecto. Se o Club está en Segunda o ano que vén a velocidade é unha, se está na Pro é outra, e se non accede ao Pro é outra totalmente diferente. É importante que todo iso vai ser. Iso é o máis importante que o Club podía pronunciar, e así foi. O impacto desa comparecencia tivo o seu efecto”.

Desvela que “non me quita o sono que se confirme, que se deixe de confirmar, que falemos ou deixemos de falar. Eu asinei un contrato até o 30 de xuño aquí. Vin con ganas de facer cousas e de achegar. Isto non acabou. Resto algo que é sumamente importante: por unha banda é manter un nivel que creza con respecto aos últimos partidos de liga e por outro é asegurar a presenza deste equipo na Primeira Federación”.

-Foto, Vídeo e Texto : RC Deportivo


Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies