ROLDA DE PRENSA DE ROBERTO OLABE : “Somos moi conscientes todos os integrantes do cadro que temos moito por facer, pero que cada día estamos máis preto”.

 

A piques de acabar 2022, Roberto Olabe, esta mañá na sala de prensa, lembra que “estivemos máis lonxe do que estamos agora dos primeiros postos e iso só pódeche levar a pensar en positivo. Se fose doutra maneira tamén pensamos en positivo, porque se nós os xogadores non pensásemos en positivo e non vísemos as cousas boas que facemos, sería complicado”.

O mediocentro branquiazul asegura que despois do parón do Nadal, “somos un bo grupo. Tiñamos todos ganas de vernos despois destes días de descanso. Estamos moi ilusionados, moi contentos de volver ao traballo e seguir preparándonos como o vimos facendo até agora”.

A nivel persoal confesa estar “moi contento no equipo, na cidade, cos meus compañeiros, co corpo técnico. Sigo preparándome como o fixen sempre para achegar un máximo rendemento e conseguir o obxectivo, que é polo que vin aquí”.

Nesta liña, subliña Roberto Olabe, un dos futbolistas con máis experiencia en categorías superiores, que “se está traballando ben e seguindo unha liña ascendente”.

Apunta que no vestiario apenas se fala do mercado invernal que arranca nuns días: “Nos equipos pasan cousas, tómanse decisións, pero eu non me encargo diso nin teño nada que ver con ese tipo de cousas. Adoita haber sempre reforzos, baixas, pero non é da miña incumbencia, non penso niso, non perdo o tempo niso. Eu sei a día de hoxe os compañeiros que somos no cadro e vexo a todos moi capacitados para render a un moi bo nivel e conseguir o obxectivo”.

De cara a esta segunda parte da competición, Olabe advirte que “lle damos moita importancia ao que pasa aquí en Abegondo porque é o que máis nos vai a achegar ás cotas máis altas, a esa primeira posición. Sen esquecer o obxectivo, nos focalizamos moito no noso día a día, en seguir facendo as cousas que vimos facendo, en seguir puíndo e mellorando cousas que quizais nos estea custando un pouco máis. Estamos niso e somos moi conscientes todos os integrantes do cadro que temos moito por facer, pero que cada día estamos máis preto”.

-Foto, Vídeo e Texto : RC Deportivo