ROLDA DE PRENSA DE QUAGLIATA : “É unha marabilla xogar neste estadio. A xente vive este equipo con moita paixón e nótase tanto nos partidos como no día a día”.

 

Giacomo Quagliata compareceu este xoves en rolda de prensa para analizar o momento do Deportivo e a súa propia adaptación ao equipo e á cidade. O lateral italiano mostrouse satisfeito polo rendemento colectivo e subliñou a importancia de manter a mesma liña de traballo.

“Sabía que na miña posición hai moita competencia, pero non penso niso, só en adestrar e mellorar cada día. Estou feliz polo que estamos a facer e polas vitorias que conseguimos. Agardamos seguir así”, explicou.

O que lle pide Hidalgo

Cuestionado polo rol que lle asigna o adestrador, Quagliata foi claro: “Pídeme agresividade e competitividade, tanto en defensa como en ataque. Axudar arriba, pero tamén atrás. Adaptarme ao que esixa cada partido”.

Unha afección apaixonada

O defensor tamén quixo destacar o ambiente que se respira en Riazor. “É unha marabilla xogar neste estadio. A xente vive este equipo con moita paixón e nótase tanto nos partidos como no día a día. Xa na pretemporada me decatei de que, co apoio da bancada, todo será máis doado para acadar os obxectivos”.

O reto de Ipurua

Pensando xa no próximo encontro, fronte ao Eibar, o xogador anticipou un duelo esixente: “Non será un partido sinxelo. Na casa son fortes e agresivos, así que teremos que afrontalo como unha batalla máis. O obxectivo é sempre o mesmo: deixalo todo no campo e buscar a vitoria”.

Fondo de armario para suplir baixas

A ausencia de Mella non preocupa en exceso a Quagliata, que valorou a profundidade do cadro deportivista: “Perdemos un xogador que viña nun bo momento, pero temos sorte de contar cunha plantilla ampla e con todas as posicións cubertas. Xogue quen xogue, vai rendelo ben”.

Adaptación a Coruña

Por último, o futbolista falou da súa integración na cidade e no idioma: “Estou moi cómodo aquí, A Coruña é unha cidade fermosa. Ademais temos clases de castelán cada semana e vou mellorando pouco a pouco. Agardo que na próxima rolda de prensa poida expresarme xa en castelán”.

-Foto e vídeo : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”