Miguel Loureiro Ameijenda, natural da Silva (Cerceda) e nacido o 21 de novembro de 1996, foi presentado este mediodía como nova incorporación do Deportivo da Coruña, co que asina contrato ata xuño de 2028.
Durante o acto, o Director de Fútbol, Fernando Soriano, salientou que Loureiro é “da casa, nacido en Cerceda” e destacou a súa polivalencia: “pode actuar como lateral dereito, central dereito e adaptarse a calquera posición dunha defensa de tres”. Engadiu ademais que achegará “intensidade, agresividade e experiencia, algo que botabamos en falta na parcela defensiva, así como ese liderado que nos virá moi ben”.
O propio xogador recoñeceu que o seu regreso ao Dépor non foi doado: “Houbo que chegar a un acordo entre Deportivo, SD Huesca e, en certa medida, tamén co CD Lugo. A Huesca xa lles fixen saber a miña vontade dende que supe do interese do Dépor, pedíndolles que tentasen atopar unha solución boa para todos. Non foi sinxelo porque había que acadar puntos comúns. O Deportivo fixo un gran esforzo e eu tamén puxen todo da miña parte. Estou feliz de que todo se resolvese e de poder desfrutar agora do día a día aquí”.
Loureiro tamén subliñou o papel determinante de Antonio Hidalgo: “Para que un club te fiche é necesario que todas as partes estean de acordo, e o corpo técnico é clave. Desde o primeiro momento el quixo que viñese, transmitiume a súa confianza e deixou claro que quería contar comigo. É un adestrador ao que lle debo moito e ao que agradezo a súa aposta”.
Con antecedentes nas categorías inferiores do RC Deportivo, o defensor confesou que de neno nunca pensou que acabaría xogando no primeiro equipo: “Adestrabas en Abegondo, víalos de preto, en Primeira División, pero ao mesmo tempo semellaba algo moi afastado. Polo que me dicía a contorna, pola dificultade do fútbol e pola cantidade de rapaces que xogan fronte aos poucos que chegan, era un soño que nin sequera me atrevía a imaxinar”.
-Foto e vídeo : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”