ROLDA DE PRENSA DE PRESENTACIÓN DE MIGUEL LLORENTE, NOVO TÉCNICO DO DEPORTIVO FEMININO.

 

Miguel Llorente Deniz (Madrid, 10 de agosto de 1982) foi presentado esta mañá en Abegondo como novo adestrador do Deportivo ABANCA para a Temporada 2021-2022.

O técnico deportivista, acompañado polo Presidente do Club Antonio Couceiro, posou en primeiro lugar para os medios gráficos coa nova camiseta do equipo no campo principal da Cidade Deportiva. Os nenos e nenas que neses momentos agardaban na bancada a arrancar o DéporCampus Cabreiroá foron espectadores de excepción deste sinxelo acto habitual coas caras novas durante todas as pretemporadas; e animaron eses instantes ao berro de ‘Dépor, Dépor…’

Xa na sala de prensa de Abegondo, Miguel Llorente comentou que “simplemente escoitar o nome do Club xa atrae unha barbaridade. É un Club histórico na liga española e no momento que se deu a oportunidade non dubidei en ningún momento. Sempre lle tiven un agarimo especial polos anos que brindou de fútbol, e de fútbol atractivo do cal eu son bastante seguidor. Por tanto para min non houbo ningún tipo de dúbida”.

Admite que estes primeiros días “foron un pouco tolemia porque foi todo moi rápido. Son tres días moi intensos pero coa ilusión coa que veño e coas ganas que teño de empezar iso acábase liquidando”.

Ao recibir a chamada dos responsables do Dépor ABANCA, conta que se definiu como “un sobrevivente. O mundo do fútbol xa sabemos como é, todo moi rápido, todo aquí e agora. E para min isto é unha vantaxe. Saír da zona de confort sempre é importante. Eu en especial manéxome ben neste tipo de retos. Tiven que cambiar de cidade, vin coa miña parella. Foi todo moi rápido. Pero o feito de que sexa tan potente a proposta, e este cambio de vida tan radical fortaléceme”.

Desvela que “xa ía seguindo as fichaxes porque sigo o fútbol feminino. Atopeime cun equipo moi ben montado polos anteriores adestradores e secretario técnico, que creo que fixeron un bo traballo. É un equipo con moitas ganas de coller este reto polos cornos e de facer bos partidos xa de inicio para ir sumando puntos e conseguir o obxectivo”.

Confésase “crente cento por cento na idea dun equipo que teña o balón o maior tempo posible. Se o tes ti non o ten o rival. Os equipos están formados por xogadoras. Elas son as que mandan no sentido das súas características e a súa maneira de xogar. Eu vou tentar asemellarme a aquilo no que creo porque se non crees en algo, é moi difícil de levalo a cabo. Pero si é verdade que a última palabra vana a ter elas”.

Miguel Llorente, máis aló de cuestións clasificatorias, márcase como obxectivo “un xogo vistoso onde tanto os de fóra, os da bancada, como as xogadoras desde dentro gocemos do fútbol. Desde o gozar, gozar e entender o xogo as vitorias van chegar. O obxectivo que temos en mente tanto #ANOSAFORZA como as xogadoras como o corpo técnico é ascender. Pero non creo que sexa a mellor maneira poñérnolo tan a longo prazo cando aínda non comezamos. A gozar adestramento a adestramento, partido a partido. E a partir de aí xa veremos”.

Preguntado pola media de idade do seu cadro, explica que a temporada pasada a media de idade do seu ex equipo, o FC Barcelona B, “era de 17 anos. O ano pasado quedamos cuartas nun grupo moi similar ao deste ano salvo por Dépor ABANCA, EDF Logroño e RCD Espanyol. Como todo na vida ten vantaxes e inconvenientes. Como vantaxes pode ser que a media de idade, que para min non é tan nova, traen unha experiencia, unha maneira de entender o fútbol e saben ao que veñen. Desvantaxes sinceramente non a vexo pola media de idade que vexo aquí. Todo é positivo”.

Con moitas caras novas no vestiario do Deportivo ABANCA, o novo adestrador branquiazul considera que se fai grupo de maneira “fácil. Ao final o xogo do fútbol, que é ao que nos dedicamos, é un xogo de cooperación, de asociación. Isto lévame aos inicios a todos os que xogamos ao fútbol no parque, na praza ou cos amigos. Ti coñecías aos teus amigos xogando e sen coñecelos de nada. Aquí a miña primeira intención foi desde que empezamos a adestrar que haxa moito roldo, moito xogo de posición, interacción entre elas, algún xogo de interacción. E xa está. O xogo é a mellor forma de que se coñezan e de que formen equipo”.

-Vídeo. Texto e Foto : rcdeportivo.es