ROLDA DE PRENSA DE PRESENTACIÓN DE JOSEP CALAVERA : “Que te chame un Club tan grande, unha entidade tan importante como o Dépor, foi unha alegría enorme”.

 

Josep Calavera Espinach (Cabra do Camp, Tarragona, 2 de outubro de 1999) foi presentado hoxe como novo xogador do Real Club Deportivo para a temporada 2021-2022, en calidade de cedido por unha temporada con opcións futuras.

Na cita de hoxe co Presidente do Club, Antonio Couceiro, Josep tivo unha invitada de excepción, a súa nai Clara Espinach, que non quixo perderse detalle dunha mañá na que o protagonista para o deportivismo foi o seu fillo.

No céspede do campo principal, Josep Calavera e o máximo dirixente branquiazul pousaron xa coa nova camiseta branquiazul, estreada onte no primeiro amigable do verán en Vilalba.

A continuación, en rolda de prensa ante os medios de comunicación, Josep desvelou que “no momento que me decato que o Dépor quere contar comigo foi unha alegría moi grande. Non mo esperaba. A nivel colectivo viñamos dunha temporada no filial do Atlético de Madrid que non foi moi boa. Que te chame un Club tan grande, unha entidade tan importante como o Dépor, foi unha alegría enorme. Desde o primeiro momento foi a miña primeira opción. Foi todo moi fácil, entendémonos moi ben; e moi feliz de estar aquí”.

Após debutar onte coa súa nova camiseta, o mediocentro deportivista marchouse de Vilalba con “moi boas sensacións. Fixemos un partido moi serio tanto na primeira parte como na segunda. Estes primeiros partidos de pretemporada son para ir collendo aos poucos eses conceptos que quere o míster e o que nos pide. Aos poucos iremos mellorando. O resultado é o de menos pero sumamos a primeira vitoria, esperemos que poidan ser moitísimas máis”.

Conta que Borja Jiménez “me está pedindo que sexa eu, que teña personalidade, que faga o que veño facendo toda a vida, que xogue fácil e que dea fluidez ao equipo. Tento dar o máximo”.

Engade que o técnico branquiazul “ten a intención de saír xogando desde atrás, tentar ser protagonistas en todos os partidos, ter o balón e a partir de aquí levalo cara a adiante, aos xogadores de ataque para poder facer dano”.

Con moito canteirán no primeiro test do verán e nos adestramentos diarios en Abegondo, Josep Calavera está a velos “moi ben. Eu tamén son un mozo novo e desde o primeiro momento acolléronme moi ben. Os rapaces están a demostrar cada día que están moi preparados, que teñen moitísimo nivel. Están connosco, son un máis. A idade é un número. No fútbol para min non hai idades. Se un mozo merécese xogar de inicio en calquera partido, o míster vai ser valente e vaino a pór porque se o merece de verdade, vaino a facer”.

-Vídeo, Foto e Texto : RC Deportivo