Óscar Gilsanz asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que “o Club ten unha aposta firme por #ANOSACANTEIRA. E iso é irremediable, incontestable que vai ser así, máis aló de que puntualmente haxa máis ou menos espazo. A aposta do Club polo traballo de Abegondo é firme e seguirá sendo así”.
Finalizado o prazo invernal de entradas e saídas, subliña que “os que estamos neste barco somos os que temos de remar até o final. A partir de agora pechar filas ao cadro. Somos os que podemos traballar, os que podemos no día a día buscar melloras continuas para ser capaces de competir cada vez mellor, de encarar os partidos da mellor maneira posible e buscar que esas sinerxías sexan en beneficio do equipo e do Club”.
Cre que “estamos nunha boa dinámica xa non só de resultados senón en canto ao equipo que queremos ser: cada vez máis forte, cada vez máis difícil para os rivais, capaz de gañar partidos igualados, con capacidade cando teña que levar a iniciativa como en Málaga ou ante o Levante UD”.
Quere que ABANCA-RIAZOR este domingo 9 de febreiro ás 18:30 ante a UD Almería (LaLiga TV Hypermotion) “vexa un equipo que compita, que leve a iniciativa, que sexa capaz de competir. Estamos preparados para competir ante calquera rival. Chega a UD Almería, que posiblemente é o equipo con máis obrigacións da categoría en canto ao ascenso polo cadro que ten, de Primeira xogando en Segunda”.
O preparador branquiazul está “satisfeito cos movementos de mercado pero témolo que demostrar. É o noso momento, momento do grupo, do traballo diario, de que se plasme en ABANCA-RIAZOR. Temos moitas ilusións postas no partido porque nos chega nun bo momento e cremos que podemos plantarlle cara á UD Almería”.
Finalmente define a Nemanja Tošić, a última incorporación, como “un lateral de diferentes condicións ao que temos con Obrador. É un futbolista con outras características que nos pode completar os comportamentos que ás veces queremos dos laterais. É un xogador con capacidade para defender preto da portería, con capacidade de defensa do balón parado, do xogo aéreo, de defender ben os centros afastados. Ten capacidade con balón. Vainos a complementar o que temos”.
-Foto, texto e vídeo : Youtube RC Deportivo/rcdeportivo.es