Óscar Gilsanz está convencido de que a pesar de que o partido de mañá ante o CD Castellón “é en xoves e ás 21:15, que é tarde, estou seguro que #ANOSAFORZA vai acudir a ABANCA-RIAZOR porque necesitamos ese apoio nestes partidos. Cando estamos nesa sintonía coa nosa xente somos máis fortes”.
Nesta liña, concede importancia a gañar “máis que polo equipo por #ANOSAFORZA. O afeccionado, o Club merecen que fagamos un bo partido, que nos reencontremos cunha boa versión en ABANCA-RIAZOR; e iso é o que buscamos”.
De feito, apunta que “o outro día, após a suspensión en Tenerife, cando os xogadores saían a dar un paseo apareceu alí #ANOSAFORZA no hotel. Esa unión espontánea dos afeccionados, esa calor e ese agarimo da xente que máis estaba afectada pola situación deunos a dose de enerxía e ao xogador unha dose de enerxía para que mañá cando salgamos a ABANCA-RIAZOR vexamos esa versión que buscamos, que traballamos para iso e que estamos a desexar”.
Do CD Castellón, recalca que “é o máis diferente de todos os que competimos na Segunda División porque non só é moi ofensivo senón que é moi físico, con xogadores con alta capacidade para os esforzos. É un equipo que mete moita xente en campo contrario, moita xente na área contraria. Iso sempre xera un partido de moita ida e volta, de moito intercambio de golpes, cun ritmo sempre moi alto”.
O técnico deportivista márcase como obxectivo “responder a ese ritmo e ser capaces nós de impornos buscando a nosa identidade”.
Advirte que o partido “nos vai a esixir moito no aspecto físico porque o CD Castellón non busca ter o balón por telo. Progresa moi rápido, busca os desmaques e os espazos ás costas da última liña defensiva. Isto xera situacións de defensa preto da nosa área”.
Finalmente Óscar Gilsanz considera que o Dépor “debe de manexarse en calquera contexto que nos dá a competición: que non nos incomode levar o peso do partido, que non nos incomode que por algún momento o equipo sexa dominado e teña que defender máis preto da súa portería; porque iso é sinal de competir ben”.
Non está satisfeito ao 100% desde a súa chegada ao banco: “Disputamos 18 puntos e só conseguimos 11. Hai 7 puntos que se quedaron nas pavías. O obxectivo non é facer 18 de 18 pero cada día o obxectivo son 3 puntos e cando o consegues non estás satisfeito de todo”.
-Texto, foto e vídeo : RC Deportivo