ROLDA DE PRENSA DE MIKU NA RECOLLIDA DO PREMIO O “MELLOR XOGADOR DE DECEMBRO” : “Quero o premio final, que é o obxectivo que temos todos en común”.

 

Miku mostrouse ante os medios de comunicación, após recoller esta mañá en Abegondo o Premio Estrella que o acredita como mellor xogador do mes de decembro, “moi contento por un recoñecemento que é individual, pero realza o traballo do equipo. É unha situación moi bonita recibir un premio e obviamente repetir (posto que xa foi elixido mellor xogador en novembro). Pero quero o premio final, que é o obxectivo que temos todos en común. Para logralo hai que ir queimando etapas e esta é unha delas”.

Lamentouse iso si do penalti fallado no desconto o pasado domingo ante o CF Talavera en ABANCA-RIAZOR, practicamente co partido sentenciado a favor do Deportivo: “Non fallaba un desde 2013. É cuestión de estatísticas, de probabilidades. O ano pasado todos os que tirei metinos. Falábao co míster onte, que se cadra me toca con 0-0 no 90 e a miña presión mental fose diferente e se cadra fose gol”.

Ve “un pouco raro” este mes de xaneiro con este novo parón ligueiro, posto que o próximo partido será o domingo 23 de xaneiro ás 12:00 en Villaviciosa de Odón ante o DUX Internacional de Madrid: “Nós non o entendemos porque á parte de ter unhas vacacións un pouco máis longas do habitual, xogar e logo volver parar non o entendemos. Pero nós somos simples soldados e facemos o que outros deciden, así que pouco podemos facer”.

Desvela que Borja Jiménez “foi moi claro connosco. Non imos ascender agora nin no principio do ano. Iso ocorrerá ao final de temporada se facemos as cousas ben, pero si é certo que como se fixo o calendario, esta semana aínda que non partise é moi importante porque nos vai permitir prepararnos para esa semana de tres partidos que vai ser moi importante por xogar dous fóra e o que xogamos en ABANCA-RIAZOR contra o máximo rival a día de hoxe”.

Subliña o dianteiro deportivista que eses días que se aveciñan “necesitaremos do cadro, tanto que se fala do cadro. Esa semana vai ser para iso: partido fóra, daquela Zamora que vai ser un partido moi complicado polo cambio de adestrador, pola proposta diferente que ten. Xa pasou en Copa. Borja Jiménez fixo rotacións, deu máis minutos e o equipo non o sentiu. Parecía que estaban a xogar os que viñan xogando habitualmente. Diso vai ter o adestrador que apostar nesa semana: Saber a carga de minutos para que o equipo estea fresco, estea dinámico, todos sexan importantes e esa semana de 3 partidos saquémola adiante”.

Miku dá moito valor ao aspecto mental para manterse no máis alto até final de temporada: “O enfoque mental é fundamental. Ter a humildade de saber que estamos nunha boa posición pero que se no principio do ano todos nos querían gañar polo que representa este Club, polo escudo que levamos no peito, estando de primeiros máis aínda. Cando estás noutras categorías e ves os grandes clubs, ¿que é o que os fai diferentes? A pesar de gañar e de ter éxito, a seguinte fin de semana a esixencia é deles mesmos co seu público e con eles mesmos de ter que gañar. Nós temos que ter esa autoesixencia de non permitir relaxarnos porque ao final non fixemos nada. Estamos ben, estamos arriba, pero estamos en xaneiro e se nos relaxamos, vai ser perigoso. Eu creo que o grupo é consciente diso e o adestrador está a apertar para que o equipo non se relaxe”.

De feito, opina que do vivido a pasada temporada “hai que sacar unha lectura positiva e aprender para non cometer os erros. Na vida, non só no fútbol, as cousas negativas chéganche, pero se un ten esa capacidade de aprendizaxe, de saber recoñecer os seus erros, de autocrítica, sempre é bo para mirar cara a adiante da mellor maneira. Os que quedamos do ano pasado sabemos o que ocorreu. E este ano tentamos que todo vaia moito máis fluído e que as cousas vaian ben e de momento están a saír ben”.

Iso si, recalca que “teño que romper unha lanza a favor dos xogadores que había (a temporada pasada). Era un grupo con experiencia e que sabían ao que viñan. Pero moitas veces no mundo do fútbol, e eu vivino, tes un grupo de xogadores moi bos e ao final as cousas non saen. Non se conxuga todo e as cousas non saen. Este ano as cousas son positivas, o club está tranquilo. Eu desde a distancia, sempre durante os últimos anos vías que era todo moi convulso, que chegaban 7 (xogadores), íanse 8, había cambios de directivas… E todo iso repercute ao final no verde. Desde a tranquilidade, de ter todas as bases ben postas, todos podemos desenvolver o noso traballo da mellor maneira e ao final cada un poñendo o seu fai que o cóctel salga ben e que esteamos todos contentos”.

A pesar do seu rexistro goleador, nove dianas que o converten en pichichi do grupo, Miku márcase como obxectivo “xogar o domingo. O adestrador non me regala nada. Ninguén me regala nada e o obxectivo sempre é o domingo, poder participar, adestrar durante a semana moi forte, ser comprometido, saber o grao de implicación que un ten que ter para estar entre os once elixidos. E logo cando cho dan, agarrarse con uñas para que non cho quiten. Esa competitividade interna fai que logo as cousas vaian saíndo ben. O equipo está a xerar ocasións de gol, iso un dianteiro agradéceo moito porque tes ocasións para poder reafirmar o teu traballo. Non me poño obxectivos porque hai un obxectivo común, global, moito máis importante que os persoais, que xa sabemos cal é e é o que todos queremos”.

De feito, insiste en que “a competitividade interna é fundamental para que un equipo traballe e funcione ben; que ti saibas que o de á beira quere o mesmo que ti a nivel global, pero se te relaxas, cómeche a torrada. E iso é moi positivo. A competitividade interna é o primeiro que ten que haber para logo poder competir fóra. Se entre nós relaxámonos e estamos aquí de paseo o domingo tócannos a cara. Internamente temos que ter unha competitividade sa para daquela o domingo poder ser competitivo”.

-Foto, Vídeo e Texto : RC Deportivo