ROLDA DE PRENSA DE MIKU NA ENTREGA DO PREMIO AO “MELLOR XOGADOR DO MES DE OUTUBRO”.

 

Miku mostrouse “contento” após recibir o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do Dépor durante o pasado mes de novembro, “un recoñecemento individual que é produto de todo o que o equipo fixo ben durante durante o último mes. A nivel persoal estou moi contento de recibir o meu primeiro premio neste Club. E pensando xa no que nos toca, que é a fin de semana nun partido moi importante e onde o equipo debería de manter a liña que mostrou nos últimos partidos”.

Cualificou o pasado domingo, coa incomparecencia do Extremadura, como “atípico”: “Nós queriamos xogar porque estamos nun bo momento e todo o que sexa xogar en ABANCA-RIAZOR diante da nosa xente encántanos. O campo está case sempre cunha moi boa entrada, #ANOSAFORZA vén ver e a gozar. Nós xogamos con ese enchufe anímico de estar en casa. Ir e ver o estadio baleiro lembrounos a vellas sensacións doutras cousas”.

Recoñece que é “unha mágoa que o Extremadura UD estea a pasar por esta situación, que os xogadores teñan que vivir este momento tan amargo. Esperamos e aspiramos que se poida solucionar, sobre todo polo ben dos xogadores, dos traballadores e da competición en xeral. Cremos que é bo que estean os mellores equipos e é un equipo que hai un ano estaba no fútbol profesional, así que nos parece moi raro de entender que chegase a esta situación”.

Nesta liña, matiza que este feito, á recentemente nada Primeira RFEF, “non sei se lle resta seriedade, pero a imaxe non é boa. O primeiro ano da competición que xa ocorra isto cun equipo deixa moito para á análise. A Federación quería que fose unha Liga o máis próxima ao fútbol profesional e o primeiro ano ocorre isto na xornada 12,13. Nese sentido ten unha análise moito máis profunda e esperemos que non se volva a repetir, porque iso sería que se emendaron todas as débedas cos traballadores do club”.

Non sabe se este parón non previsto na competición vén ben ou mal ao equipo: “Non se que dicirche. Ao final xogamos entre nós. Obviamente a intensidade foi un pouco menor por non competir. Pero o adestrador tentou que fose o máis real posible. Esixiunos ese realismo de competir, de meterlle carga ás pernas. Tamén veu ben porque había xente que algún golpe, algunha pequena molestia arrastraba. E esta semana veulle ben para recuperar. Se nos veu ben ou mal ao equipo, o tempo dirao”.

Da visita ao CF Rayo Majadahonda deste domingo 21 de novembro ás 12:00 horas (Footters) no Cerro do Espino, Miku destaca que “é un equipo duro, que está arriba connosco, que aspira ao mesmo cun máximo accionista (o ex deportivista Alejandro Arribas), que o coñecen dabondo aquí. Un rival complicado. Se somos capaces de facer un bo partido e sacar un bo resultado, vai ser un paso cara a adiante moi importante para nós”.

O dianteiro deportivista pide ao equipo no Cerro do Espino “seriedade, moito compromiso, saber que vai ser un partido moi esixente que se definirá por detalles. Vai ser un partido moi pechado, non me espero un partido de 4-3,3-4… Nada diso porque vai haber moito respecto e que imos estar durante moitas fases do partido en situacións onde vai estar disputado quen leva o mando do partido. Eles son tamén un moi bo equipo, que ten bastantes puntos. E vai ser complicado, pero se o equipo mantén a seriedade e o compromiso cos que xogou os últimos partidos fóra temos moitas opcións de poder sumar”.

-Foto, Vídeo e Texto : rcdeportivo.es