Mario Soriano: “Temos un equipo moi competitivo e con ganas de gañar”.
O futbolista do Deportivo, Mario Soriano, destacou esta semana a fortaleza do cadro branquiazul e o bo ambiente que se respira no vestiario. O mediapunta insistiu en que a clave da tempada será a competitividade interna e o compromiso de todo o grupo:
“Cada ano o obxectivo é mellorar o plantel. Este ano fíxose un equipo moi bo e competitivo. O míster vai ter moitas variantes en cada partido. Vai ser positivo porque haberá unha competitividade sa cada semana, imos poñerllo difícil ao adestrador. Temos que estar todos activos, porque en cada encontro podes xogar e hai que aproveitar a oportunidade que che dea o míster. Temos un plantel moi bo e reforzámonos ben para unha tempada longa na que imos necesitar a todos”.
O valor do equipo
Para Soriano, o fútbol ten unha norma clara: “Xogan once e no banco hai outros que teñen que estar preparados para aproveitar a oportunidade e deixalo todo polo equipo”.
Ese espírito colectivo está a reflectirse no xogo do Deportivo: “Creo que se está vendo un equipo que quere gañar os partidos. En Granada fixemos tres goles e tivemos máis ocasións; contra o Burgos atacamos case todo o partido e apenas nos fixeron perigo. O outro día seguimos nesa liña: dúas ocasións clarísimas na primeira parte, tamén a balón parado, e na segunda marcamos dous goles e tivemos algunha máis. Defensivamente o equipo tamén está sólido. Os dous goles encaixados foron erros de concentración, de rebotes… temos que mellorar niso. O equipo está a mostrarse ben nestes dous partidos, hai que seguir insistindo no que facemos ben e concentrarnos nos pequenos detalles que marcan os partidos”.
O empate en Leganés
O xogador valorou moi positivamente o punto acadado fronte ao Leganés: “As sensacións son boas, despois de como comezamos e de encaixar o segundo gol. A primeira parte non foi boa, aínda que tivemos dúas ocasións claras de Villares e Yere. Ir ao descanso con 2-0 foi duro, pero na segunda parte o equipo deu a cara. Se houbera 10 minutos máis poderiamos levar os tres puntos. A sensación é boa porque empatar en Butarque, contra un recén descendido, é un moi bo punto”.
Tamén quixo destacar a aposta ofensiva do adestrador: “Cos tres cambios o míster mandou unha mensaxe clara de ir a polo partido. O 2-0 era enganoso: cando marcas o primeiro, o equipo vólcase. Con eses cambios quedou claro o seu plan”.
O papel que lle pide Antonio Hidalgo
Sobre as súas funcións en campo, Soriano explicou: “Depende da posición. De inicio adoito xogar de interior, mediapunta, intercambiando con Yere para que o rival non nos poida fixar. O míster pídeme estar polo medio, baixar a recibir á banda e formar ese triángulo ou rombo con Yere. Na segunda parte, cos cambios, pasei a unha posición máis atrasada”.
Aínda así, séntese cómodo en calquera rol: “Dentro do campo é onde quero estar. O ano pasado xa xogara media volta máis atrasado. Estou cómodo en todas esas posicións”.
As novas incorporacións
Soriano tamén falou da chegada de novos compañeiros: “Con Stoichkov falei un pouco de todo: do Alavés, de Granada. Chamoume antes de vir para saber como era aquí e díxenlle que todo era superbén, que viñese. Ao día seguinte xa estaba aquí. Con Samuele falei pouco, coñece pouco o idioma, pero todo ben”.
Pensando no Sporting
Sobre o próximo rival, o Sporting de Xixón, (sábado 16:15 horas-15:15 GMT), foi claro:“Hai ganas. É unha semana curta, pero mellor porque o partido chega antes. O Sporting reforzouse ben, xa o ano pasado co cambio de adestrador defendían moi ben. Son moi perigosos nas transicións e teñen xogadores de calidade. Levan 3 de 3, vin dous partidos deles e gañaron 1-0 con opcións de marcar máis. Custaralles moito que lles fagan gol. Temos ganas de que chegue o sábado, coa nosa xente, para darlles os tres puntos”.
Respecto á diferenza de descanso entre ambos equipos, restoulle importancia: “O fútbol é así, poñen os horarios e non se pode facer nada. Estamos para xogar e estar ao 100% en cada encontro”.
O reencontro con Pablo Vázquez
Por último, destacou o bo ambiente con Pablo Vázquez, que volverá a Riazor: “Levábamonos superbén con el. Vereino, saudareino e falaremos. Temos unha boa relación, axudoume na miña volta. Durante o partido seremos rivais, pero antes e despois falaremos”.
Todo isto que dixo e máis, oindo o vídeo.
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
-Foto e vídeo : RC Deportivo