ROLDA DE PRENSA DE MARIO SORIANO : “O importante é que as malas rachas cheguen agora e o mellor quede para o final”.

 

Mario Soriano recolleu este mércores o premio ao Xogador Estrella de outubro, galardón que entrega Estrella Galicia coas votacións da afección e da prensa. O madrileño, que atravesa un gran momento de forma, analizou o bo estado do equipo e o seu papel máis achegado á área, nun acto no que mostrou ambición e confianza no futuro inmediato do Dépor.

Soriano recoñeceu que está a vivir “a súa faceta máis goleadora” e desexou que sexa só o comezo:

“Oxalá que a xente se vaia acostumando. Nestes dous últimos partidos fun quen de marcar e, xogando máis arriba, teño esa liberdade de aparecer na área. Canto máis poida aportar en ataque, mellor para min e para o equipo”.

O deportivista ve ao grupo con boas sensacións tras superar un pequeno bache:

“As sensacións son boas, o equipo está como ao principio. Viñamos dunha racha menos positiva, pero nestes tres últimos encontros recuperamos o equilibrio e volvemos ser un equipo sólido atrás e perigoso arriba. A idea non cambiou, seguimos querendo dominar e ser fortes defensivamente, pero agora nótase máis confianza en todos”.

De cara ao próximo compromiso ligueiro, Soriano non dubida da dificultade do reto:

“Vai ser un partido complicado, pero tamén bonito. Se logramos os tres puntos será un golpe enriba da mesa. O rival chega nunha gran dinámica e aprétanos moito arriba, así que teremos que estar tranquilos nos primeiros minutos e ter paciencia”.

O madrileño tamén destacou a importancia de manter a portaría a cero, un dos sinais de identidade do equipo nas últimas semanas:

“Deixar a portaría sen goles é clave. Temos xogadores moi bos arriba e sabemos que en calquera xogada podemos facer dano”.

Preguntado pola súa posición, o mediapunta amosouse cómodo e comprometido:

“A verdade é que me sinto ben en calquera lugar do campo. Cando xogas máis arriba estás máis preto da área, pero tamén intento axudar atrás e na saída de balón. Cando estás dentro, a posición pouco importa: o importante é estar ben e axudar”.

Sobre o gol que marcou en Zaragoza, revelou entre risas que non foi froito do ensaio:

“Non estaba preparado. Díxenlle que mirase o espazo e contestoume ‘corre’. Foi no momento e saíu perfecto”.

En canto ao estado físico dalgúns compañeiros, Soriano transmitiu mensaxes de calma:

“Yeremay está tranquilo e ben; o de Gragera foi un pouco peor porque se lle inchou rápido o nocello, pero esperamos que poida chegar para o fin de semana”.

O Xogador Estrella de outubro rematou cun desexo optimista de cara ao tramo decisivo da tempada:

“Que as rachas malas veñan agora, que cando se achegue o final esteamos arriba e chegue o mellor momento”.

O Dépor e Mario Soriano seguen medrando da man, e o seu estado de forma é unha das mellores noticias para un vestiario que busca manter o bo ritmo e seguir mirando cara o máis alto.