ROLDA DE PRENSA DE MANUEL PABLO ANUNCIA A PARTICIPACIÓN DE NOEL NA PREVIA A VOLTA DA 1ª ELIMINATORIA DA EUROPA YOUTH LEAGUE :

 

Riazor prepárase para o histórico partido de volta da primeira eliminatoria da Ruta dos Campións Nacionais da UEFA Youth League entre o Xuvenil A e o MKS Pogoń Szczecin, este mércores ás 20:00 horas. E así o sabe Manuel Pablo, técnico do equipo campión de España e un dos emblemas da época dourada do Club en Europa: “Vai haber un ambiente moi bonito para todos os que estamos aí abaixo. Temos que axudarnos dese ambiente para lograr darlle a volta á eliminatoria”.

Cre que “a xente está moi esperanzada, moi animada, transmítese. Eu creo que os rapaces tamén hoxe coas redes sociais ven todo o movemento que hai. Esperamos un gran ABANCA-RIAZOR. E iso tennos que servir para tentalo, para deixarnos todo e para ter esa confianza de que o podemos conseguir. Despois hai que ter acerto, que non o tivemos alá. Alá tivemos tantas situacións de gol como eles, pero non tivemos o acerto”.

O adestrador branquiazul asegura que o vestiario está “con confianza de que temos que facer un bo traballo. É difícil pero coas sensacións que tivemos alá, con moitas ocasións para facer máis dun gol, pois corrixir os problemas defensivos sabendo que lles podemos facer dano en ataque”.

Lembra que “son 90 minutos. O importante é non volvernos tolos e non perder esa esperanza pronto, senón mantela o máis viva posible até o final”.

Confirma que Noel entrará na convocatoria: “É unha alegría para todos, para o Club, para os compañeiros e para #ANOSAFORZA, que estaba a esperar esa noticia. É un xogador que ten que ser importante pero temos que facer un traballo en conxunto para poder realizar esa xesta de levantar un 3-0”.

Aínda que advirte que “non falei con el, está claro que todos queren xogar. Os rapaces antes de que empezase a pretemporada o primeiro que falaban era desta situación. Está con moitas ganas, con moita enerxía. Cando vas cun 3-0 atrás e tes un dianteiro que está agora mesmo tocado cunha flor, facendo goles… pois necesitamos goles para pasar esta eliminatoria”.

Protagonista naquel inesquecible Dépor-Milan, confesa Manuel Pablo que “o primeiro que lles dixen é que temos que crer niso. Dese partido acórdome que viñamos moi derrotados de Milán e empezouse a crear un ambiente de que se podía remontar e empezamos a crérnolo os xogadores, #ANOSAFORZA… Todo foi unha corrente e iso é o primeiro que hai que transmitir. Nos últimos anos na Champions League houbo bastantes remontadas de resultados moi adversos. Coa confianza de que alí tivemos moitas opcións tamén de facer varios goles, iso débenos servir para tentalo, para estar atentos tamén ás situacións que eles nos poidan facer, pero confiados en que se pode lograr”.

Pase o que pase, este histórico encontro, a Youth League, segundo o canario, supón “un recoñecemento xa o que van vivir. O ambiente que vai haber, que esperamos todos, é algo que posiblemente no Deportivo non se viu nunca. O escenario (ABANCA-RIAZOR) é bonito para todos pero é unha inxección de moral para o club e para todos, para #ANOSAFORZA, para os xogadores… Ímolo a tentar con todas as nosas forzas., con todo o apoio da afección, do club. Imos ver se podemos ver polo menos unha gran eliminatoria e podemos sacala adiante”.

Do MKS Pogoń Szczecin comenta que na ida “había xogadores que non coñeciamos, que non os vimos. É que están en dinámica do primeiro equipo. Foron un equipo moi físico e o partido converteuse nun ida e volta a golpes no cal nós non estivemos acertados. A súa presenza física do medio campo para adiante fíxonos moito dano. Tentaremos parar esas situacións porque eses xogadores teñen esa capacidade e temos que estar moi atentos a esas situacións. Tamén nós fixémoslles dano e co ambiente que se vai a vivir e cos xogadores que temos podemos tentar facelo. Temos que ter máis acerto e coidado coas súas transicións”.

-Texto, Vídeo e Foto : rcdeportivo.es


Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies