ROLDA DE PRENSA DE MANU SÁNCHEZ PREVIA AO VALENCIA CF FEMININO-DEPORTIVO FEMININO :

 

Manu Sánchez, técnico do Deportivo ABANCA, explicou esta mañá ante os medios de comunicación, en referencia ás baixas de Carolina Arbeláez e Ainoa Campo para o partido de mañá domingo 24 de xaneiro no Estadio Antonio Puchades da Ciudad Deportiva de Paterna ante o Valencia CF Feminino (10:15 horas), que “son dous futbolistas que estaban a xogar con regularidade e moi ben ademais. Á parte da súa condición futbolística achégannos outras cousas ao grupo. Pero é o momento doutras futbolistas, de que demostren que poden estar, que eu creo que si. Pero elas teñen que autoconvencerse de que son capaces e vannos dar cousas diferentes tamén. Entrarán dúas xogadoras distintas, con condicións diferentes que van actuar nesas posicións e van provocar que imos ter que cambiar diferentes comportamentos”.

En canto ao resto do cadro, o técnico deportivista desvela que “Helena Torres tivo algunha molestia pero é unha xogadora forte. Imos ver se nos pode axudar. Viaxamos 17 pero con ganas de traer algo importante de alá”.

Espera un partido “aberto, cun equipo con moitos cambios desde o ano pasado. Unha reciclaxe que xa comezou a temporada pasada. Están a traballar na mesma liña, con xogadoras moi novas e cunhas ideas que a min me gustan moito”.

Cre que “os dous equipos buscarán a vitoria. No Antonio Puchades é difícil xogar mal ao fútbol. É un campo espectacular”.

Tamén se referiu o adestrador branquiazul ao desenvolvemento da competición nunha situación sanitaria complicada polo coronavirus: “Ten que estar atenta (a competición) a situacións cambiantes. Penso que se banaliza moito iso de que é fútbol. É fútbol pero hai moita xente, ademais das protagonistas, que están ao redor do equipo que viven disto. Tense que tratar coa mesma seriedade que se tratan outros sectores”.

Engade que “é un traballo que depende da condición física. É moi difícil levar a cabo unha organización equitativa para todo o grupo. Iso nótase nos adestramentos, nos partidos. Onte Lluis Cortés, adestrador do FC Barcelona, queixábase destes paróns. Se se queixa o primeiro imaxina nós. Aféctanos a todos. É moi difícil programar, reprogramar toda a parte de cargas, descansos. Incluídas as viaxes. É unha situación na que todos debemos ser conscientes da realidade, vivir con ela pero tratar de tirar para adiante”.

Finalmente en canto ao mercado aberto de fichaxes durante todo este mes, Manu Sánchez lembra que “estamos nunha situación na que non estamos a lograr atopar o que precisamos. E moito do que precisamos non o podemos adquirir. Quédannos uns días. Imos ver se atopamos algo do que precisamos porque case necesitamos máis cantidade que calidade. Estou moi contento coas xogadoras que temos. Están a pelexar, están concienciadas. Se pode vir alguén a axudar pois perfecto e se non é así, imos pelexar. Non imos deixar que ninguén nos quite a ilusión”.

 

A nosa previa do encotro : PREME AQUÍ.

-Foto : Manu Boutireira

-Texto : rcdeportivo.es