ROLDA DE PRENSA DE MANU SÁNCHEZ PREVIA AO DEPORTIVO FEMININO-FC BARCELONA DE MAÑÁN MARTES.

 

 

Manu Sánchez manifestou esta tarde na sala de prensa de Abegondo que o FC Barcelona, rival mañá martes 22 de decembro en Abegondo (14:00 horas, LaLigaSports TV), “é un dos mellores equipos de Europa. Non sei se é o mellor equipo pero é o mellor cadro. Imos ter a oportunidade de recibilas en Abegondo, que o ano pasado non puideron vir. Tentaremos sufrilas o menos posible e tentar dar a sorpresa”.

Conta que para preparar o partido non se ten en conta os xogados entre ambos os conxuntos a campaña pasada: “Non nos podemos fiar do ocorrido o ano pasado porque o noso equipo é totalmente diferente, as dinámicas son diferentes, o funcionamento do equipo é diferente”.

O técnico deportivista destacou o traballo do equipo na segunda metade do partido do pasado sábado en Matapiñonera ante o Madrid CFF: “Sufrimos un gol nunha xogada desafortunada. Pero despois fixemos ocasións suficientes para empatar o partido. Estou moi contento co esforzo das xogadoras, co sacrificio e o crer. O equipo non deixou de crer en ningún momento. Cando marcas no minuto 92 de partido pero previamente nos últimos 7 minutos tes ocasións moi claras de gol, di moito. Non é unha xogada illada. O Dépor ABANCA traballou para conseguir ese empate e mesmo para poder disputar a vitoria. Moi contentos con ese punto e dese cambio mental que estamos a ter no equipo”.

Subliña precisamente este aspecto mental: “Con estas vitorias conseguimos que as xogadoras crean, que parece que se esqueceron de gañar e que xa se vían impotentes nese sentido. Estás a tiro de pedra de saír. Dáche confianza para afrontar o que vén, non relaxación nin tranquilidade”.

-Vídeo e Texto : rcdeportivo.es

-Foto : Manu Boutureira