ROLDA DE PRENSA DE LUIS QUINTERO NA SUA PRESENTACIÓN COMO NOVO XOGADOR DO DEPOR.

 

Luis Eduardo Quintero Hernández (Alacante, 12 de outubro de 2004) foi presentado esta mañá como novo xogador do Dépor até final de temporada.

En primeiro lugar pousou para os medios gráficos coa súa camiseta (dorsal 16) no campo principal da Cidade Deportiva.

A continuación, acompañado por Fernando Soriano, pasouse pola sala de prensa, como é tradicional. O Director Deportivo branquiazul confía en que “o seu talento e a súa capacidade de creación nos poida axudar”.

Pola súa banda, Luis Quintero subliñou que onte os seus compañeiros e membros do staff “déronme a mellor das benvidas e desde o primeiro momento sentinme como uno máis deste gran club e deste gran equipo”.

Asegura que confía “plenamente no meu talento, no día a día e o meu traballo. Seguro que con iso e con #ANOSAFORZA pódense dar todos os obxectivos”.

O atacante branquiazul desvela que é “nado en Alacante. Toda a vida vivín en Elxe, é a miña cidade; pero si é verdade que por tema familiar practicamente todos os veráns pasábaos aquí. Pasei fins de ano… Tiña unha vinculación moi grande coa Coruña, e iso derivou en agarimo cara ao Dépor. Ademais de realizar campus con ex xogadores bastante recoñecidos aquí como é Fran. Iso foi consecuencia nun gran agarimo cara ao Deportivo. Un día vin coa miña tía, puiden coñecer a Lassad, que era un dos meus xogadores favoritos dese Dépor; e de aí teño a foto con el. Despois duns anos espero poder achegar un pouco de todo o que puido achegar Lassad no seu día”.

Neste sentido conta que “a familia que teño aquí son bastante afeccionados do Deportivo, de toda a vida”; e apunta que “foi un agasallo do meu tío ter esa camiseta co 21 de Valerón, que é unha lenda tremenda aquí no Deportivo. É unha camiseta que lle tiña moitísimo agarimo e grazas a Deus puiden ter unha foto tamén con Valerón pero cando el dirixía ás Palmas nun torneo que eu tiña co Villarreal. Esa foto tamén a puiden ter aínda que non fose vestido do Deportivo”.

Sobre a súa localización no campo, Luis Quintero afirma que pola dereita “é onde estes últimos anos e temporadas estiven xogando un pouquiño máis; pero non teño ningún problema en xogar en banda esquerda e detrás do dianteiro porque son posicións que me tocaron e síntome tamén moi cómodo en calquera delas. É unha vantaxe tanto como para min como para o equipo, para o míster en canto a calquera situación que se poida dar”.

Cre que Yeremay e Mella, dous dos seus ‘rivais’ por un posto, “son dous grandísimos xogadores moi novos, tamén cunha longa carreira e moi boa por diante. Eu veño aquí simplemente a achegar ao equipo, a aproveitar as miñas oportunidades e obviamente a sumar con eles. Somos un equipo e é o que temos que facer para ir conseguindo todo o que queremos”.

Finalmente e despois de militar os últimos meses na SD Amorebieta de Segunda División, é consciente que a Primera Federación “é unha categoría que esixe moito ao xogador, é difícil calquera rival e vainos a esixir o máximo tanto ao equipo como a min”.

 

-Foto, texto e vídeo : RC Deportivo/Xosé Búa “Pirata”