Jose Ángel foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.
O centrocampista branquiazul cualifica como “accidentes” os dous partidos en ABANCA-RIAZOR saldados con empates (ante CF Rayo Majadahonda e CD Teruel). Cre que “as sensacións son boas, son positivas, séguese dando un pouco de forma ao grupo, seguimos coñecéndonos. Tamén hai xogadores que viñeron novos, que chegaron tarde e que seguen adaptándose a todo o noso. E doutra banda é o tema dos puntos que a día de hoxe tampouco temos os que nos merecemos porque fixemos bastantes cousas ben”.
Asegura que este sábado 23 de setembro (20:00 horas, FEF TV) ante a UE Cornellà “temos que seguir dándolle continuidade ás sensacións que temos, que como dixen son boas, pero sobre todo sacar os 3 puntos para darlle a primeira alegría a #ANOSAFORZA en ABANCA-RIAZOR”.
Sobre as lesións, confesa que “non me pasou nunca ter tantas lesións ou lesións de xogadores tan importantes a estas alturas. Pero para iso temos un equipo forte e haberá outros compañeiros que xoguen que dean a súa mellor versión”.
Preguntado por unha posible substitución no mercado para Iván Barbero, lembra que non é da súa incumbencia e advirte que “aquí hai xogadores que poden xogar tamén nesa posición e seguramente o fagan ben. Á parte temos a Martín Ochoa, que leva toda a pretemporada connosco, coñecémolo ben. Por tanto ten que haber argumentos nun cadro como este para suplir esa baixa”.
Ante a ausencia forzosa de varios atacantes por exemplo nesta próxima xornada, Jose Ángel apunta que “cando falla unha cousa no equipo todos os demais temos que dar ese plus máis para tentar que non se note tanto. Así que agora se non están os dianteiros terán que tomar a responsabilidade outros xogadores, os que xoguen e os que estean preto da área para poder facer goles e para sacar partidos”.
Ten claro que o partido desta fin de semana, “é difícil como todos os partidos nesta categoría; e máis cando xogamos en ABANCA-RIAZOR, que os equipos veñen ao 100%, moi mentalizados. Nós traballaremos e estamos a traballar entre semana para facer o noso mellor fútbol e poder darlle a primeira vitoria en casa a #ANOSAFORZA, que a merece”.
Precisamente por este motivo ve “moi necesarios” os 3 puntos do sábado: “Levamos dous partidos en ABANCA-RIAZOR que a #ANOSAFORZA ao final de partido arroupounos porque sabe que fixemos un bo esforzo. As sensacións foron boas, pero a nivel de puntos non conseguimos o que queriamos; así que esta fin de semana é o ideal para porlle fin a iso, para seguir coas sensacións positivas, para que a xente siga connosco, pero aparte para sacar os 3 puntos e que a afección se vaia contenta a casa”.
-Foto, Vídeo e Texto : RC Deportivo