ROLDA DE PRENSA DE JAIME SÁNCHEZ : “se acabamos como campión de inverno moito mellor, é bo sinal…pero o obxectivo noso xa sabemos que é ascender”.

 

Jaime Sánchez asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que se atopa “moi ben. Acabei cunha molestia o partido contra a Cultural, pero coa semana de descanso e a de readaptación, xa estou a tope e axudando ao equipo”.

Admite o central deportivista que este mes de xaneiro é “raro. As vacacións viñéronnos moi ben a todos para desconectar e aínda que sexa un mes raro, afrontamos este partido como calquera outro, con moitas ganas de volver á competición. Unha vez que pase este partido, a seguinte semana tampouco temos Liga, pero queremos a rutina. As vacacións xa pasaron e estamos concentrados xa na competición e en terminar a primeira volta da mellor forma e empezar a segunda aínda mellor”.

Confesa que no vestiario non se comentou a posibilidade de proclamarse matematicamente campións de inverno en caso de vencer este domingo ao CF Talavera en ABANCA-RIAZOR (12:00 horas, Footters): “É verdade que se acabamos como campión de inverno moito mellor, é bo sinal; pero o obxectivo noso xa sabemos que é ascender. Obviamente queremos gañar o domingo para seguir líderes e sacar aínda máis puntos ao segundo se pode ser. O importante é ao final de temporada, que é o ascenso”.

Pide ter co COVID “especial coidado porque estamos a ver que están a aumentar os casos en toda España. Estamos a facer máis test pero cremos que é polo noso ben e tampouco lle damos máis importancia. Tentamos facelo o mellor posible fóra de aquí para non contaxiarnos e nada máis”.

Expresou publicamente os seus mellores desexos a Valín, cedido neste mercado de inverno á UE Cornellá e ademais apunta que “non sabemos se vai vir alguén. O que está claro é que o equipo fixo unha gran primeira parte da temporada. Igual vén algunha fichaxe pero non creo que vaia a cambiar o vestiario que veña un, dous ou os que sexan. O que veña, que sexa para sumar”.

Sobre o choque ante o CF Talavera, Jaime sostén que “como todos os partidos en ABANCA-RIAZOR vai ser complicado porque os equipos veñen cun extra de motivación. Aínda non vimos en profundidade ao equipo. Estivemos esta semana pasada e onte corrixindo os erros que tivemos en León, que defensivamente estivemos un pouco peor. Desde hoxe empezaremos a traballar en profundidade o partido”.

Precisamente deixa claro que a vitoria ante a Cultural Leonesa no último partido do ano 2021 “é como outra calquera, o que pasa é que meter nos últimos minutos dáche esa sensación de máis euforia, porque parecía que se ía a quedar en empate e ao final conseguimos o gol de Miku. É unha alegría incrible e non te podes controlar”.

-Foto, Vídeo e Texto : RC Deportivo

Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies