ROLDA DE PRENSA DE IRENE FERRERAS PREVIA O PRIMEIRO ENCONTRO DE LIGA.

 

Irene Ferreras, adestradora do Deportivo ABANCA, confirmou en rolda de prensa en Abegondo que Letti “segue co seu proceso de recuperación do xeonllo. Tivo unha escordadura. Quedan un par de semaniñas”.

Ademais, desvela que, cunhas molestias no xeonllo dereito, “o outro día tivemos un sustiño con Lorena Reina. Quedou nun susto, así que eu creo que nuns días incorporarase co grupo”.

Por contra, mostrou a súa alegría pola incorporación de Millene aos adestramentos co grupo e cualificou de “moi boa a dinámica de traballo. Esta semana foi das mellores semanas de adestramento que eu recordo. O equipo vai asentando todo o traballo que se lle está pedindo, van saíndo relacións fluídas, ás xogadoras véselles moito máis cómodas dentro do contexto do xogo e estamos a gozar moito dese crecemento”.

Do Rayo Vallecano, rival este domingo 11 de setembro ás 12:00 en Abegondo, lembra que “a primeira xornada é un pouco máis incerta, porque non tes a posibilidade de coñecer tanto aos equipos, máis cando hai unha reestruturación tan grande. O Rayo non deixa de ser un recentemente descendido. Si tivo moitas perdas a nivel de cadro porque tiña o nivel de Primeira División. Reforzouse con outras xogadoras que teñen nivel de Segunda e que quererán estar en Primeira. Un pouco incerto nese sentido, pero o nivel vai ser parello, cada partido vai ser complicado. Afrontámolo con moitísimo respecto. Estamos preparadas para diferentes escenarios e a partir de aí ser capaces de ler o partido que toca, ser capaces de entender onde están os espazos e crecer desde aí”.

Confesa que lle fai “especial ilusión empezar en casa. Gústame porque me apetece xogar xa en Abegondo. Aínda non o fixemos en pretemporada e atoparnos con #ANOSAFORZA na xornada 1, que estamos todos con esa sensación de ilusión e de comezo, é moi positivo e para nós vai ser un plus”.

Tamén será especial medirse a un dos seus ex equipos, o Rayo: “É un club onde eu crecín como futbolista e como persoa. Teño moi bos recordos e moi boas experiencias que tiven a sorte de vivir alí e sempre lle vou a gardar agarimo, porque representa moito no meu. Máis aló diso, quero os intereses do Dépor ABANCA, imos ir a matar, imos tentar sacar os 3 puntos e cando termine o partido pois a dar a man ao rival. Desde que eu estiven alí cambiaron moito as cousas, xa quedan poucas xogadoras coas que eu coincidín; e a nivel de institución, todos imos vendo un pouco a liña que leva. Gardo un bonito recordo, pero é certo que todo cambiou moito”.

Irene Ferreras lamenta que o horario do partido coincida co AD Mérida – Dépor en Primeira RFEF porque “nos vén moi ben que #ANOSAFORZA sexa capaz de vir, que a nivel de horarios teñamos a posibilidade de que os afeccionados poidan ver ao equipo masculino e ao feminino. Espero que en próximas xornadas todos teñan a oportunidade de non ter que elixir entre un ou outro, senón que poidan ver os dous e que poidan gozar co fútbol que queremos ofrecerlles”.

Modificado o sistema de ascensos, con só dous, opina que “o primeiro pensamento é que agora é máis difícil, porque se che pecha unha porta e a posibilidade de ascender mediante o play off era algo que se podía dar con maior probabilidade, pero como nós no fútbol estamos constantemente convivindo con situacións inesperadas e é certo que nas últimas temporadas a nivel Federación e organización sempre hai noticias de última hora, non tiña nada claro que iso fóra a ser así definitivamente. Así que dentro de que non é unha noticia favorable tampouco nos alterou moito a nivel nin emocional, nin de planificación”.

Avoga por “darlle seriedade ao fútbol feminino en xeral pero até até fai nada non se resolveu tampouco o tema da Primeira División e somos dependentes dela. Espero que isto sexa unha situación que aos poucos vaia cambiando, que se lle dea moita máis seriedade desde o inicio e que podamos ter toda a información previa antes de planificar e tomar certas decisións. O único que podemos facer nós é centrarnos no noso e tentar conseguir unha desas dúas prazas”.

Para esta primeira cita ligueira, Irene Ferreras quere un Dépor ABANCA como “o que estamos a ver en pretemporada e o que están as mozas facendo os adestramentos: un equipo que queira o balón pero que saiba tamén xogar e convivir con momentos onde se cadra non temos tanta fluidez con el; e que domine rexistros que nos permitan aproveitar a formulación ou as circunstancias que o rival teña nese momento. Quero un equipo que sexa capaz de xerar vantaxes desde atrás e desarbolar ao rival, pero se podemos atacar rápido e atopar corredores de progresión sen sen asociarnos demasiado, tamén é importante que saibamos adaptarnos e responder a iso. Quero un equipo sólido, que teña carácter, que sexa intenso, que queira recuperar a pelota rápido, que teña esa identidade de ameaza constante arriba e un equipo o suficientemente ordenado para non sufrir ou para tentar encaixar o menos posible. Estamos a traballar en todo iso. Houbo unha mellora notable en todas esas fases e eses conceptos de xogo e creo que o domingo seremos capaces de facer un bo partido de fútbol”.

-Foto, Texto e Vídeo : RC Deportivo