Imanol Idiakez asegurou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que o equipo “está ben, traballando coa mellor intención, cunhas ganas tolas de obter resultados. De momento non se están dando os que queremos, pero estou convencido de que estamos no camiño e de que a nada que melloremos sobre todo a eficacia nas áreas, todo o traballo que estamos a facer vai dar os seus froitos”.
Sente no Club “confianza absoluta, ademais téñoa non só en min, senón no traballo de todos, do Club, de arriba a abaixo. Este é un proxecto no que internamente non hai ningunha dúbida. Ademais, aínda que agora os resultados non estean a saír o traballo do equipo no campo está no camiño que queremos. Temos que mellorar a efectividade nas áreas, estamos a traballar moitísimo para iso, insistindo e estamos convencidos que no momento no que melloremos iso, todo o resto do traballo vai florecer”.
A nivel persoal, o técnico deportivista confesa vivir “o principio da semana con moi mala hostia, porque cando perdo póñome de moi mala hostia. Ademais tiven unha desgraza familiar a semana pasada, co cal o inicio de semana foi duro. Desde o mércores coas pilas cargadas, absolutamente convencido do que estamos a facer e tentando convencer a todo o mundo, porque creo que estamos no camiño correcto. Estou convencido de que todo o traballo que o equipo está a facer, que no día a día é espectacular como traballan os rapaces, vai ter os seus froitos”.
Así pois, cre “absolutamente no que estamos a facer. Estou completamente convencido. Para min non hai outra cousa que Ponferrada e a ilusión de poder gañar o domingo á SD Ponferradina (18:00 horas, FEF TV)”.
Subliñou que os datos dos seus analistas (Asier Marote e Álex Antón), “son un pouco alucinantes. Somos o equipo que máis tirou da liga, o equipo que menos tiros recibiu coa Real Sociedad B e co Nástic de Tarragona, o equipo co expecting gol (posibilidades de facer gol) máis alto da liga. Sei que agora pode soar ao que soe, pero esa é a realidade”.
Á vista das estadísiticas, “vexo que dominamos os partidos. O outro día tivemos a dobre posesión, 60 e pico por cento de posesión, que o RC Celta B; triplicámoslles en pases; tiramos 14 veces a porta, eles 3… Nas áreas é verdade que están a ser máis efectivos os rivais que nós ou estamos a ser menos efectivos do que queremos, pero o equipo fai moitas cousas ben e imos insistir nesas cousas que facemos ben; e mellorar esas que temos que mellorar. O domingo temos a primeira oportunidade e imos a por ela”.
Finalmente, da SD Ponferradina, Imanol Idiakez opina que é “un dos favoritos, connosco e algún equipo máis. Recentemente descendido de Segunda División, é un club que fai moi ben as cousas, que como nós ten a ilusión de volver a Segunda División. Fixo un inicio de temporada moi bo, en casa ten 3 vitorias e 1 un empate, ten unha boa estrutura, un xogador como Yuri que marca moitísimo a diferenza, dúas moi boas bandas. Un bo equipo que, como é normal neste tipo de rivais, neste tipo de nivel, vainos a obrigar a facer un moi bo partido, pero temos a confianza de que podamos plantarlle cara, facer un bo partido alí e levarnos os 3 puntos”.
-Vídeo e Texto : RC Deportivo