ROLDA DE PRENSA DE IMANOL IDIAKEZ : “ESTOU SEGURO QUE ANTES OU DESPOIS TEREMOS UN POUQUIÑO MÁIS DE SORTE”.

Imanol Idiakez asegurou esta mañá en Abegondo na rolda de prensa previa ao encontro de mañá sábado 21 de outubro na Nova Creu Alta (19:00 horas, FEF TV) que “estamos centrados no traballo, no seguinte, en conseguir esa vitoria que nos impulse cara arriba. E toda a enerxía está posta aí”.

Admite, iso si, que “nos están pasando cousas un pouco difíciles de explicar, pero están a pasarnos. Podes quedarche queixándoche, lamentando, buscando o pasado que podía ser ou podes pensar no seguinte e iso é o que temos que facer”.

Despois do sucedido en Ponferrada a pasada fin de semana, coa expulsión de Pablo Martínez aos 10 minutos e dous foras de xogo claros a favor do Dépor non sinalados, recalca que “estamos centrados na CE Sabadell FC. O labor dos árbitros é difícil e temos que axudarlles. Estou seguro que antes ou despois teremos un pouquiño máis de sorte, porque menos sorte da que tivemos nestas 8 semanas de competición é difícil que teñamos. A ver se nese aspecto tamén a sorte mellora”.

Eloxiado por cada futbolista branquiazul que se pasa pola sala de prensa, esta semana por exemplo Jose Ángel ou Hugo Rama, o adestrador deportivista opina que “facemos o traballo o mellor que podemos con, sobre todo, o obxectivo de ter a conciencia tranquila. Realmente estamos a facer o mellor que sabemos. Estamos a desexar que cheguen os resultados porque estamos convencidos que o traballo que estamos a facer é o que queremos facer, o que hai que facer e non queremos buscar escusas tampouco”.

Insiste en que “aquí estamos para gañar partidos e para que o Dépor volva ao lugar que lle corresponde e de momento non estamos a corresponder coa esixencia; así que mañá temos unha nova oportunidade. Temos que entender os que estamos aquí dentro que temos unha obrigación, unha responsabilidade, temos que empezar a conseguir resultados porque non estamos no camiño que queremos”.

Do conxunto catalán, Imanol Idiakez explica que “a semana pasada fixo o primeiro partido co novo adestrador, que é verdade que era membro do corpo técnico anterior. Introduciu unha modificación que a metade de partido cambiou outra vez. Preparamos as 2 posibilidades ou 3 que entendemos que poden facer”.

Alerta que en Sabadell “están a preparar o partido practicamente non como unha final, pero, ademais como preparan todos os rivais os partidos contra o Deportivo. Ademais coa situación na que están na táboa, como a nosa mala, entendo que vai ser un rival que vai saír desde o minuto 1 a comerse o campo, a dalo todo, a polo moi complicado. Un rival que ten calidade, ten arriba xente como Manel, Baselga, Herrera…  xogadores de moi bo nivel, contrastados na categoría. Non teño dúbida que nolo vai a pór realmente difícil”.

Finalmente, en canto á faceta goleadora do equipo, puntualiza que “estamos a traballar todo. É verdade que empezamos cunha cantidade de situacións de área moi alta, que houbo partidos nos que mantivemos esa cantidade de chegadas á área e que probablemente aí podamos traballar mellor algúns movementos, algúns comportamentos no último terzo para tentar atopar as situacións de gol. Logo está o talento individual, o acerto. Houbo días como Fuenlabrada que tivemos as ocasións para pechar o partido e non fomos capaces de acertar. O acerto é algo que pasa ou non pasa. Ti podes adestrar unha chea, pero é nese momento xusto cando tes que acertar. Non se pode adestrar demasiado. Adestramos todo o que podemos o xogo, os movementos preto da área para que as situacións que se atopen os xogadores sexan máis favorables. E esperamos que o talento salga. Temos talento. É verdade que perdemos algúns xogadores importantes na zona de ataque, pero temos suficiente nivel e calidade para que fagamos as ocasións que estamos a ter e para poder facer gol. Estou convencido que vai chegar”.

-Foto, Vídeo e Texto : RC Deportivo

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies