Imanol Idiakez manifestou na sala de prensa de Abegondo que este domingo 25 de febreiro ás 20:00 en Tajonar (FEF TV) ante Osasuna B “ocúpanos ter claras as cousas, que sexamos capaces de manter a intensidade, a agresividade e o nivel que mantivemos nas últimas semanas. Ese é o obxectivo. O día a día do equipo vai por aí. Os hábitos cada día están máis consolidados e o domingo temos unha oportunidade de volver demostrar que estamos no camiño que queremos. Non fixemos nada e o domingo temos outra oportunidade de seguir mirando cara arriba”.
Cre que a clave da remontada “é que o equipo foi capaz de centrarse no día a día, na tarefa, no fútbol, en tentar mellorar os aspectos do xogo. Ese é o único camiño. Eu sei que o ser humano tende a facer plans, a facer cousas a medio prazo, pero a realidade é que o único que vale é aquí, hoxe e agora. Osasuna é agora mesmo o único que temos na cabeza. Creo que ademais o equipo entendeuno e nese aspecto estamos todos moi centrados no seguinte partido, que é o único que está ao noso alcance”.
Precisamente do filial osasunista lembra o técnico branquiazul que “fai pouquiño empataron co Nástic nun moi bo partido en Tarragona. En casa perderon coa SD Ponferradina por 0-1. É un rival moi complicado e xa o vimos na ida. Está moi ben estruturado, é moi difícil para o rival porque son moi verticais, non arriscan nada en inicio co cal xogan todo a campo rival, métenche o balón alí, a partir de aí se gañan caídas atácanche… Mete moitísima xente á área chegando de segunda liña e logo sen balón dificúltache moito porque está moi ben traballado e porque é un equipo cun nivel físico moi alto”.
Así pois, vaticina “un partido moi complicado, ademais nese campo que custa máis ter referencias porque é unha cidade deportiva, non hai as catro bancadas. Non espero outra cousa que máxima dificultade polo rival, polo escenario e pola situación dos dous equipos”.
-Foto, vídeo e texto : RC Deportivo