ROLDA DE PRENSA DE FERNANDO VÁZQUEZ E LISTA DE CONVOCADOS PARA O ENCONTRO DE COPA.

 

Fernando Vázquez pasou por rolda de prensa e analizou a derrota da pasada xornada ante o C. Vigo “B”, das baixas na convocatoria, do estado dos lesionados e do encontro de Copa do Rei de mañán xoves 17 de Nadal, en Riazor a partires das 17:00 horas, (16:00 GMT).

LISTA DE CONVOCADOS

Derik, que hoxe recibiu a alta médica, é a principal novidade na lista de 18 convocados por Fernando Vázquez para o partido de mañá xoves 17 ás 17:00 horas en ABANCA-RIAZOR ante o CD El Ejido, correspondente á primeira eliminatoria de Copa de SM O Rei. “Está un pouco cargado do traballo que fixo co recuperador pero está en perfectas condicións para disputar o encontro”, apuntou o técnico deportivista en rolda de prensa en referencia ao central madrileño.

Ademais, referiuse aos futbolistas que causan baixa para este choque copeiro por lesión: “Keko podería entrar pero segue tendo algunha molestia nunha perna e quere estar seguro. E eu tamén quero estar seguro que cando entre o faga en plenitude. Valín ten unha sobrecarga nun cuádriceps e por tanto non está para este partido”.

Tampouco entra Salva Ruiz, cunha contusión nas costas; e o fabrilista Adri Castro. Neste caso, Fernando Vázquez explica que “a miña perspectiva do partido cambiou. Se gañásemos o domingo pasado pensaba como penso da Copa que é un torneo que non nos vén excesivamente ben. E tiña pensado, se o Club pensase o mesmo, que é un torneo no que non podemos gastar demasiadas enerxías e meter a Adri Castro e algún outro xogador. Pero o equipo creo que necesita volver gañar. Vou tratar a Copa como un intento de reanimar os ánimos caídos despois do partido ante o Celta B, non só do equipo senón tamén de #ANOSAFORZA”.

O rival, o CD El Ejido, marcha 8º no subgrupo B do grupo 4º de Segunda División B con 8 puntos, froito de 2 vitorias, 2 empates e 4 derrotas.

 

No adestramento desta mañá en Abegondo, o adestrador branquiazul dispuxo un quecemento con rondos, unha tarefa de posesión e un exercicio de finalizacións.

Finalizado o encontro copeiro, o Dépor regresa aos adestramentos o venres 18 de decembro ás 11:00 en Abegondo.

-Foto e Vídeo : RC Deportivo
-Texto : piratasdemuxia/RC Deportivo

Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies