O director de fútbol do RC Deportivo, Fernando Soriano, fixo balance da planificación deportiva do equipo nesta fase inicial da pretempada e deixou varias mensaxes claras sobre o mercado de fichaxes, a situación dalgúns xogadores e o papel da canteira no regreso do club á Primeira División.
Soriano confirmou que o traballo nos despachos continúa e que o plantel aínda non está pechado.
“Tres fichaxes máis van vir seguro. A partir de aí iremos vendo situacións dos nosos xogadores, o rendemento e os partidos de pretempada. Todos chegaron a un nivel moi alto”, explicou.
O responsable deportivo destacou que, tras unha primeira fase de incorporacións marcada pola xuventude, os próximos movementos buscarán un perfil diferente.
“Asinamos bastante mocidade e o normal é que o que veña a partir de agora sexan xogadores cun pouco máis de experiencia. Teñen que encaixar dentro desa exemplaridade que buscamos. Con esta xente nova necesitamos futbolistas que mostren no día a día o que significa ser profesional”, asegurou.
Un dianteiro máis para completar o ataque
Aínda que non revelou as posicións exactas que pretende reforzar o club, todo apunta a que chegarán un lateral esquerdo, un dianteiro e un central, e a prensa poñía tamén un extremo dereito, pero deixou entrever que nalgunha desas posicións “hai xogadores na plantilla que oden cubrir duas posicións”, a noso entender ía polo ben que o fixo Alti na posición de extremo dereito ante a baixa de Mella, e ata Luismi pode xogar aí. Soriano confirmou que a idea inicial é incorporar un único ariete.
“En principio iremos cun dianteiro máis e despois veremos ao longo da pretempada”, indicou.
Tamén foi preguntado polos nomes que apareceron vinculados ao Deportivo durante as últimas semanas.
“Son xogadores moi interesantes e algúns máis reais ca outros”, respondeu sen querer entrar en detalles.
Ao mesmo tempo, mostrou a súa confianza nos atacantes que xa forman parte do cadro.
“Bil deu un paso adiante e se o vedes adestrar… está moi ben. E Zaka igual, deu un paso importante tanto a nivel mental como físico”, destacou.
Optimismo con Yeremay e Mella
Sobre os procesos de recuperación de Yeremay Hernández e David Mella, ambos traballando á marxe neste inicio de preparación, Soriano transmitiu tranquilidade.
“Son procesos que xa tiñamos previstos. Sabiamos que o inicio sería un pouco máis lento. David viña dunha cirurxía e Yeremay fixera un esforzo moi grande a pasada tempada. O proceso é favorable”, explicou.
O director deportivo avanzou ademais que Mella podería regresar á dinámica de grupo durante a semana do Teresa Herrera.
Respecto ao futuro de Yeremay, reiterou a postura do club.
“Non podo dicir nada novo. O club non ten ningunha necesidade de vender”, afirmou.
Patiño podería saír cedido
Outro dos nomes propios da comparecencia foi o de Charlie Patiño. Soriano recoñeceu que actualmente se está valorando unha saída para que o centrocampista dispoña de máis minutos.
“Estamos valorando a opción de que poida saír para ter máis continuidade e minutos. Está adestrando moi ben e iremos vendo ao longo do mercado. Non imos dar pasos precipitados”, sinalou.
Tamén repasou a situación da portería.
“Queremos que todos poidan ser titulares. A idea é que Eric busque minutos fóra. Queremos xerar un ambiente san, competitivo e de esixencia”, comentou.
No capítulo de saídas, confirmou que o club busca unha solución definitiva para Bouldini, mentres que os casos de Diego Gómez e José Ángel continúan abertos.
“Veremos estes días a decisión que se toma”, apuntou, pero deixando entrever que todo pasa polo que pase estes días. Os xogadores ainda voltan de vacacións e no caso de Diego Gómez ata podería ter cabida no Fabril, caso distinto é o de José Ángel debido a cantidade de centrocampistas que hai agora mesmo cas novas chegadas.
Confianza na canteira
Soriano tamén quixo destacar o papel dos xogadores formados na casa e revelou que varios canteiráns están deixando moi boas sensacións durante os primeiros adestramentos.
“No lateral esquerdo, por exemplo, temos a Xabi Campos. O míster coñecíao pouco e está moi sorprendido. Tamén hai rapaces que poden desenvolverse perfectamente no primeiro equipo cando sexa necesario”, explicou.
Sen necesidade de vender
Por último, o director de fútbol deixou unha mensaxe contundente sobre a situación económica da entidade e a planificación do mercado.
“Non hai ningunha necesidade de vender ningún xogador para asumir o investimento que fixemos nin o que poida vir. Nunca pensamos en fichar para vender, nunca”, afirmou.
Ademais, lembrou que todas as operacións realizadas están dentro dos parámetros de viabilidade marcados polo club.
“Todas as incorporacións están aprobadas polo consello de administración dentro da viabilidade futura da entidade”, concluíu.
Para escoitar todas as declaracións de Fernando Soriano e coñecer ao detalle a súa análise sobre o mercado, os fichaxes e a situación do equipo, podes ver o vídeo completo…
–
-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”
-Vídeo : RC Deportivo
–
