Do mesmo xeito que onte Pablo Vázquez, Diego Villares esta mañá na sala de prensa de Abegondo tampouco se mostrou obsesionado coa posibilidade de alcanzar o liderado do grupo 1º de Primera Federación: “Non me afecta porque aínda queda moitísima temporada. Eu asino non ser líder até a última xornada”. “Sempre é bonito verse aí na primeira posición pero asinaría selo só na última xornada”, resolveu o centrocampista lucense.
Asegurou que “o traballo diario que faciamos era moi bo desde o principio e non se estaba trasladando en resultados. A medida que os resultados acompañaron un pouco o equipo colleu un pouco máis de confianza. Iso axúdanos a todos a saír ao campo con máis tranquilidade e ese punto de confianza que sempre é necesario”.
Advirte non obstante que foron superiores nos últimos partidos porque “ganas comodamente, pero non todos van ser así nin moito menos. Agora os equipos están a xogar moitas cousas e van empezar a pór as cousas máis difíciles”.
Parella de Jose Ángel no mediocentro branquiazul, subliña Villares que “estamos cómodos xogando xuntos e con Lucas aí por diante que nos dá moito entre liñas”.
Sobre o CD Lugo, rival este domingo 3 de marzo ás 19:00 en ABANCA-RIAZOR (TVG-2 e FEF TV), lembra que “só leva un partido con Roberto Trashorras (actual adestrador) entón tampouco sabemos o que nos imos a atopar. Puidemos ver un pouquiño do partido contra o CF Fuenlabrada (a pasada fin de semana), que para min mereceron gañar. Podémonos atopar un Lugo similar ao do anterior partido”.
Iso si, non cre que os lucenses se parezan moito ao da primeira volta no Estadio Anxo Carro porque “xa tiveron outro adestrador máis polo medio. É un equipo totalmente distinto e témonos que fixar máis que nada no último partido”, insiste.
Finalmente, Villares desvela que após a dura derrota do Dépor en Irún “puidemos ter unha charla interna entre nós, co míster, co corpo técnico, os xogadores, que nos axudou a todos a dar un paso adiante e apartar tamén esa derrota dura”.
-Foto, vídeo e texto : RC Deportivo