Diego Gómez foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.
O canteirán branquiazul, que debutou o pasado sábado en ABANCA-RIAZOR co primeiro equipo, confesa estar “moi feliz. Debutar co Dépor despois de chegar aquí con 14 anos foi o meu soño. Sinto moi alegre”.
Aproveitou a súa comparecencia ante os medios para “dar as grazas a toda a xente que me acompañou, á miña familia, aos meus amigos, a toda a xente que traballa cada día en Abegondo. Gran parte é pola axuda que me da todos os días. E agradecer a todo o Deportivo en xeral”.
Desvela que no momento no que Imanol Idiakez mandoulle facer exercicios de quecemento no partido ante a UE Cornellà “estaba moi ilusionado, moi emocionado, ABANCA-RIAZOR, 22.000 persoas… Era un soño para min poder entrar e axudar ao equipo. Unha pena empatar pero estou moi contento co debut”.
Xogar co Dépor en ABANCA-RIAZOR “é unha experiencia única. #ANOSAFORZA vive o deportivismo, é unha tolemia o que sente e transmíteo a todos os xogadores. Así é moito máis fácil xogar”.
De feito, admitiu minutos antes de saír realizando o quecemento “estar un pouco nervioso, pero o xusto. Tento estar sempre o máis relaxado posible para que non afecte á hora de xogar. Emocionado, pero nervioso non moito”.
Apunta ademais que os veteranos lle aconsellaron nese momento que “estivese tranquilo, que o fixese como sabía”.
Neses momentos previos a saír ao campo marcouse como obxectivo “se me dan unha oportunidade tentar axudar ao equipo en todo o que puidese. Se non, axudar desde fóra aos meus compañeiros para conseguir o obxectivo”.
A súa familia non puido presenciar en directo o seu debut en ABANCA-RIAZOR porque “ían vir o día seguinte a ver o partido do Fabril. Non contaban que debutase. Eu ía convocado, confiando en poder entrar ou que me desen uns poucos minutos. Cando me chamaron sentín moita emoción e supoño que os meus pais en casa tamén. Foi unha pena que non puidese estar en ABANCA-RIAZOR”.
Pensa que o seu debut, como o de Martín Ochoa, Mella… supón para outros canteiráns branquiazuis “unha motivación moi grande poder estar no primeiro equipo e ter minutos. Todos os mozos de Abegondo soñan algún día poder xogar ou estar no primeiro equipo. É un orgullo para todos que xogue algún canteirán”.
Após o partido, Diego Gómez sinala que as felicitacións recibidas no seu teléfono móbil foron moitas aínda que “tento coidar moito iso e darlle importancia primeiro aos meus pais, aos meus amigos. E despois agradecer as felicitacións a todo o mundo”.
Autor dun gol xa en pretemporada co Dépor, no partido ante o CD Arenteiro no Carballiño, afirma que marcar en partido oficial “sería unha emoción espectacular. Meter un gol importante co Deportivo en ABANCA-RIAZOR sería un soño feito realidade”.
Por outra banda, despois de marcar dous goles o domingo co Fabril ante a Arandina CF, indicou estar “moi contento por conseguir esa primeira vitoria, que sempre son complicadas. A verdade é que foi unha boa fin de semana”.
Nesta liña considera que “o fútbol estaba a ser inxusto (co filial) pero a vitoria ía chegar e espero que agora cheguen moitas máis”.
Preguntado pola súa demarcación favorita asegura que “é onde me poñan. Estou a variar moito. A primeira semana xoguei na esquerda, agora estou a xogar na dereita. Onde me vexa Óscar Gilsanz é esa. O adestrador sempre sabe o mellor para os xogadores dentro do campo. Eu habitúome ao que sexa”.
De cara ao partido deste domingo 1 de outubro en Fuenlabrada (12:00, FEF TV), Diego Gómez subliña que “se vou, encantado; e se vou co Fabril (a Oviedo ante o CD Covadonga), encantado tamén. Sei que é o meu equipo e teño que madurar como futbolista nesta categoría”.
Despois dos seus comezos no CDC Santa Teresita, un modesto club do seu Ourense natal, explica o atacante fabrilista que “fun ao Pabellón, que xa é máis grande e bastante coñecido ao nivel de Ourense. Ten un convenio co RC Celta. Mandáronme ir adestrar durante un ano con eles pero eu xa sabía que me ía a ir ao Deportivo. Sempre foi a miña primeira opción. Non quixen escoitar máis. Os meus pais encantados e apoiáronme en todo momento”. “Sempre me gustou máis o Dépor e ademais o tema residencia tirábame moito. De Ourense á Coruña e de Ourense a Vigo é a mesma distancia. Sempre fun do Dépor e decantei a balanza”, concluíu.
-Foto, Vídeo e Texto : RC Deportivo