David Mella manifestou na sala de prensa de Abegondo após recoller o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do mes de decembro que en Málaga se viu ben fisicamente pero “fallo algunha destas que teño que seguir mellorando. Teño marxe de mellora, que teño 19 aniños e a seguir adestrando día a día para que esas que teña marcalas”.
Ten claro que “os goles que metemos a favor son de todos e os goles que nos meten son de todos”; e de Dani Barcia lembra que “non se volve despois dunha lesión ao 100% e ten que ir collendo o ritmo. Sei que se porá ao 100%”.
O canteirán subliña ademais respecto da súa posición que xogará “onde me pida o míster, coma se é de porteiro, que algún día me gustaría”, chancea.
Con partido ante o Burgos CF no Plantío este domingo 19 de xaneiro ás 14:00 (LaLiga TV Hypermotion, M+ e Fútbol 2), Mella pensa que “todo o que sexa puntuar, benvido sexa; pero temos que mellorar o puntaje en todos os aspectos, dentro e fóra de ABANCA-RIAZOR. Agora outro partido fóra de casa que afrontamos igual que o anterior e imos ir a gañar”.
Unha vez máis haberá desprazamento masivo de deportivistas á cidade castelá, o que fai que o canteirán cualifique a #ANOSAFORZA como “incrible. Está un pasiño por diante a todas e é un orgullo poder xogar para esta afección”.
Finalmente confesa que a principios desta temporada “púxenme uns obxectivos uns pouco altos claramente porque é a miña primeira temporada no fútbol profesional. Non sempre se está satisfeito cun mesmo sempre e gustaríame ter máis acerto de cara a porta. Quedo a adestrar moitas veces, a maioría dos días, a practicar a miña finalización e gustaríame facer máis números dos que estou a facer”.
De feito, desvela que “me puxen unha meta 13 goles. É unha meta non moi realista pero que se pode dar e que me gustaría chegar”.
-Foto, texto e vídeo : RC Deportivo/rcdeportivo.es