ROLDA DE PRENSA DE DAVID MELLA : “Se nós xogamos ao noso 100%, imos gañar o partido”.

 

David Mella: “Foi unha experiencia incrible e veño con moitas ganas de seguir gozando co Dépor”

David Mella compareceu na sala de prensa do Dépor Training Center tras completar a súa primeira sesión de adestramento co equipo coruñés despois de participar no Mundial sub-20 de Chile.

O atacante branquiazul cualificou a súa experiencia coa selección como “moi bonita, un dos mellores torneos que pode haber en categorías inferiores”. Destacou tamén o ambiente vivido: “É unha pasada xogar neses estadios. Aínda que non se enchen do todo, vai moitísima xente porque alí o fútbol gústalles de verdade. Foi unha experiencia espectacular”. Engadiu que foi “a dar o 100% e a gozalo ao máximo”.

Pensando xa no regreso á competición, Mella asegurou verse preparado para o partido do domingo 19 de setembro ás 18:30 horas en El Sardinero ante o Racing de Santander, se o adestrador Antonio Hidalgo considera oportuno contar con el:

“Estamos a preparar o partido como todos, adestrando ao 100%. É un encontro moi bonito polos dous equipos que somos, hai que gozalo como nenos pequenos”.

Sobre o conxunto cántabro, o canteirán destacou que “ten moi bo equipo, xogador a xogador e tamén como bloque”, pero mostrou confianza nas opcións deportivistas:

“Se nós xogamos ao noso 100%, imos gañar o partido”.

Mella tamén tivo palabras de agradecemento para o seu técnico, despois de que Hidalgo eloxiara o seu traballo:

“Botábame de menos, e iso nótase. Como canteirán, gústame vir cun sorriso, gozar do día a día e aproveitar ao máximo os días que me queden aquí, que espero que sexan moitos”.

Por último, referiuse á lesión de Ximo Navarro, lamentando a súa baixa:

“O equipo perde moito. Ximo é un xogador que compite sempre ao 100%, déixase a alma en cada partido. Pero temos un gran grupo e todos os compañeiros están preparados para dar o mellor”.

-Foto e vídeo : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”