Dani Barcia pasou por rolda de prensa e amosous cheo de ilusión e confianza, en él mesmo e nos seus compañeiros, amosando que este ano hai moita competividade pola calidade dos que chegaron novos.
O central deportivista valorou o bo inicio de tempada do equipo e falou da actualidade sua, do equipo e da súa relación cun dos seus socios na defensa, o veciño e familiar Miguel Loureiro.
Relación con Loureiro
Barcia recoñeceu a complicidade que existe entre ambos: “Con Miguel hai unha relación case familiar. Levámonos moi ben, as nosas familias coñécense de toda a vida e no campo encaixamos moi ben. Xa se viu contra o Huesca que é un xogador de moita calidade”. Engadiu que, aínda que non son parentes próximos, “coincidimos varias veces na aldea e teño claro que é unha excelente persoa e un gran compañeiro”.
Competencia e confianza
O canteirán amosouse satisfeito co seu momento persoal: “O míster está a confiar en min e eu procuro responder traballando cada semana. Quero axudar ao equipo, sexa no campo ou fóra dél”. Sobre a competencia interna no vestiario, destacou: “A plantilla é moi boa e vese en cada adestramento que hai moita competitividade. Iso complica as decisións do adestrador, pero para nós é positivo: a min tócame centrarme en dar o máximo”.
Antonio Hidalgo, un estilo distinto
En relación ao adestrador, explicou que “é un técnico cun xeito diferente de traballar. Os adestramentos son intensos e estannos a vir moi ben. Temos que seguir nesta liña”.
Obxectivos e cautela
O defensa mantén os pés no chan: “Estamos moi contentos co arranque, pero isto só acaba de comezar. Hai que ir partido a partido, estudar aos rivais e seguir traballando para sumar de tres en tres”.
O gol soñado
Preguntado polo tanto decisivo que lle fixo ao Sporting, Barcia emocionouse: “Foi un momento inesquecible, seguramente o mellor da miña carreira ata agora. Marcar no último minuto, diante da miña xente e contra o Sporting… foi incrible. Todo canteirán soña con algo así…espero seguir metendo máis goles así”.
Mirando ao próximo rival
Finalmente, advertiu da dificultade do seguinte encontro: “Vai ser un equipo moi difícil de atacar, como todos nesta categoría. A clave é manter a tranquilidade e a confianza, porque sabemos que teremos as nosas opcións”.
-Foto e vídeo : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”