Zakaria Eddahchouri, “Chouri”, xogador do mes de setembro
O dianteiro deportivista recibiu o recoñecemento de Xogador Estrella, premio que outorgan a afección e a prensa, e fixo balance do momento que vive co equipo.
«Estou moi contento por este galardón. Quero darlle as grazas tanto aos xornalistas coma á xente que me votou. Para min o importante é o día a día, ir paso a paso, e traballar forte en cada adestramento», apuntou tras recoller o trofeo.
Sobre o feito de partir nalgun encontro desde o banco, mostrouse natural: «O fundamental é o colectivo. Eu non viñen aquí por min, senón para axudar o club en todo o que poida. O adestrador decide e hai que respectalo. Sempre estarei para apoiar aos compañeiros e facer o que sexa preciso polo equipo».
Preguntado polo Almería, rival da próxima xornada e equipo co que debutou en Riazor marcando un gol, confesou: «Xogar en Riazor sempre é especial. Nunca esquecerei aquel primeiro partido e ese gol que serviu para gañar. Máis este é outro encontro, coma todos, no que daremos o máximo para quedar cos tres puntos».
O atacante tamén valorou o potencial do cadro andaluz: «É un dos conxuntos con máis calidade da liga. Aquí cada choque é complicado, temos que estar concentrados e aplicar ben o noso plan. Todos teñen as súas armas, polo que debemos centrarnos en facer o noso traballo».
A pesar de liderar a clasificación, Chouri non sente unha carga extra: «Non penso que haxa presión. Gústame enfrontarme a equipos fortes, é un reto e unha aventura como futbolista. Este é o Dépor e temos nivel para competir de ti a ti».
Tamén puxo en valor o papel da bancada: «Xogar en Riazor é un sentimento distinto. O apoio da afección é brutal, tanto na casa coma fóra. Notámolo moitísimo».
En canto ás diferenzas co pasado curso, recoñeceu que a chegada dun novo técnico supuxo variacións: «Coa etapa de Óscar había un sistema diferente. Agora tratamos de mellorar cada día, de atacar doutro xeito segundo o rival, e de crecer tanto individualmente como colectivamente. A clave é seguir día a día e partido a partido».
-No vídeo que vos deixamos a continuación podedes escoitar estas declaracións completas… e algunhas máis do dianteiro branquiazul.
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
-Vídeo e foto : RC Deportivo