Rolda de prensa de Chouri: “Cando estamos todos xuntos podemos acadar momentos moi fermosos”.

 O dianteiro Zakaria Eddahchouri, para nós cariñosamente “Chouri” compareceu esta mañá na Cidade Deportiva de Abegondo para compartir as súas impresións sobre o inicio de tempada e o seu papel no equipo. Con confianza e ilusión, destacou tanto o aspecto persoal como o colectivo.

“Cando asinei dixen que son un xogador que pode facer boas cousas para o club. Creo nas miñas condicións e no que podo achegar, quen veña non será un problema. Se chega un xogador para mellorar o equipo, benvido sexa”, afirmou, deixando claro que a chegada doutros reforzos non lle preocupa, senón que a entende como unha oportunidade de mellora para o conxunto.

En relación ao arranque ligueiro, o atacante valorou positivamente o inicio: “As sensacións neste comezo de tempada son boas, non só para min, tamén cos meus compañeiros. Comezamos a Liga sumando tres puntos e iso é o máis importante”.

Preguntado polos obxectivos individuais, Chouri evitou marcarse cifras fixas de goles: “Non é importante mirar a un número de goles, senón pensar en ir partido a partido”.

O apoio de Riazor

O futbolista tamén fixo especial fincapé no papel determinante da afección e da forza do estadio coruñés: “O poder de Riazor é máis importante para facer o traballo. Cando estamos todos xuntos podemos acadar momentos moi fermosos. Hai que ser fortes”.

Un capítulo xa pechado

Sobre o incidente do pasado maio, cando sufriu unha caída nas rochas do paseo marítimo dos Pelamios mentres tentaba facerse unha foto e tivo que ser atendido polos servizos de emerxencias, Chouri preferiu pasar páxina: “Foi un momento que xa pasou, miro cara adiante para facer grandes cousas e gozar da vida”.

O discurso de Chouri amosa ambición, confianza nas súas condicións e, sobre todo, unha visión de equipo onde a forza de Riazor e o apoio colectivo son fundamentais para aspirar a unha gran tempada.

Todo o que dixo telo escoitando o vídeo do RC Deportivo.

-Foto e vídeo : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”