ROLDA DE PRENSA DE BORJA JIMÉNEZ PREVIA O ZAMORA-DEPOR DESTE MÉRCORES, COMEZO DA 2ª VOLTA.

 

Borja Jiménez lembrou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que o Zamora CF, rival do Dépor mañá mércores 26 de xaneiro no Estadio Ruta de la Plata (20:00 horas, Footters), “cos 3 últimos partidos, tanto Valladolid Promesas e Unionistas en casa, que o fixeron remontando, e o domingo pasado en Talavera, acumularon 3 vitorias. É un equipo que, como os que collemos ultimamente, está en boa dinámica, igual que nos pasou co DUX. Cambiaron algún xogador, caso de Jordan. Será un rival difícil. Volvemos xogar fóra de ABANCA-RIAZOR outra vez esta semana e son dos que pensa que nas segundas voltas fóra os puntos que se van a conseguir son menos. Nós imos a Zamora a gañar como facemos sempre. Teremos as nosas opcións e imos tentalo, isto está clarísimo”.

Iso si, opina tamén que o Dépor “agora está nun bo momento. Temos aí variantes para a baixa de Miku e imos saír a gañar coas nosas armas ou coas que creamos que son mellores”.

Advirte que “nós non imos tentar cambiar nada. E o Zamora CF agora é un equipo que a nivel defensivo están moi xuntiños como xa vimos aquí a primeira volta. Custounos moito abrir a lata porque acumulan moitos xogadores a nivel defensivo ou preto da súa área; ou cando saen a presionar é un equipo moi compacto a nivel defensivo. E imos tentar desmontar todo iso a través da pelota, que é como nós facemos sempre. Nós imos seguir sendo fieis ao que cremos que debemos de facer e ao que vimos facendo desde que comezou o ano. Non imos variar a nosa maneira de entender o fútbol”.

Non ten ningunha dúbida de que será para o Dépor un partido difícil porque ademais de estar de sorte de resultados, “cando vai ao Depor todos dan a súa mellor versión. Isto non é unha escusa, pasa en calquera categoría. Non é o mesmo que che visite o Real Madrid, o Barça ou os grandes aos de abaixo. Aquí pasa igual. Cando imos nós desde o público até todos os xogadores dan a súa mellor versión. É algo normal. Mañá será un partido difícil, seguro. Non teño ningunha dúbida”.

 

 

Parte médico de Pablo Trigueros

Pablo Trigueros foi sometido este mediodía a probas médicas complementarias para comprobar o alcance exacto das molestias que sufriu onte na súa perna esquerda e que lle obrigaron a pedir o cambio aos 15 minutos do partido ante o DUX Internacional de Madrid.

Os Servizos Médicos do Real Club Deportivo confirmaron que o central branquiazul sofre unha lesión no bíceps femoral da súa perna esquerda.

Pablo Trigueros estará uns días con tratamento médico e de fisioterapia. En función da súa evolución comezará acto seguido unha segunda fase de readaptación deportiva, paso previo ao seu regreso aos adestramentos co grupo.