ROLDA DE PRENSA DE BORJA JIMÉNEZ PREVIA Ó : CD CALAHORRA-DEPOR.

 

Borja Jiménez manifestou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que o tipo de partido de mañá sábado 11 de setembro ante o CD Calahorra no Estadio da Planilla (17:00 horas/15:00 GMT, en Footters) dependerá de circunstancias como o estado do céspede, “sempre tivo bo céspede. Eu xa xoguei alí co CD Mirandés hai tres anos”; e do clima, “se fai moita calor, bochorno”. En calquera caso, advirte ademais que o equipo rioxano é diferente ao CD Tudelano, rival do Dépor a pasada fin de semana: “Xa o vimos na xornada 1ª, que puido gañar perfectamente ao Logroñés, un dos candidatos ao ascenso. Imos a un dos campos nos que este ano será bastante difícil puntuar”.

Precisamente do CD Calahorra destaca que “a nivel colectivo é un equipo moi atrevido, valente, con capacidade para asumir riscos no inicio, acumulando moitos xogadores próximos á última liña que sempre che fan defender ou estar máis atento a nivel defensivo. A nivel individual ten xogadores contrastados na categoría, novos, que están a evolucionar moi ben, que probablemente o ano que vén poidan dar un saltiño por como foi a súa evolución. Estamos ante un bo equipo que a nivel colectivo é fácil de ver, é divertido verlle e que a nivel individual ten xogadores que son desequilibrantes”.

Preguntado por posibles cambios no once inicial do Dépor, o adestrador branquiazul apunta que “é certo que temos un cadro amplo, que podemos variar moitos xogadores porque o nivel é moi parello. Eles xa o saben. Pode ser unha constante, independentemente dos resultados. Pode haber cambios no once porque é a miña forma de entender o fútbol, de expor os partidos, de que todo o xogador se sinta útil e que poida entrar en calquera momento. Pode ser que haxa algún cambio. Non o sei. Aínda quedan moitas horas para o partido, pero buscaremos o mellor para tentar gañar na Planilla”.

Con polo menos cen representantes de #ANOSAFORZA no estadio do CD Calahorra, Borja mostrou a súa sorpresa agradable: “O de #ANOSAFORZA é unha pasada. É semana após semana. Vas a Tudela, non esperas moita xente e de súpeto ves as bancadas máis de xente do Dépor que do CD Tudelano. Supoño que será unha constante todo o ano porque a afección do Deportivo é así. Entón agradecerlles como tentamos facer sempre; deixarnos a alma en cada disputa, en cada duelo, os 99 minutos como o outro día do partido; e saber que sempre van estar aí. Para nós van ser fundamentais durante todo o ano e estamos encantados que nos acompañen a calquera sitio de de España porque cremos que son diferenciais”.

Finalmente acerca desta 1ª RFEF, con dous partidos disputados, Borja Jiménez indica que “vin algo do noso grupo. Do outro de momento non vin nada. Díxeno sempre é moito máis competitiva porque ao final o embude antes era así de grande e agora é así de pequeniño. Entón o nivel dos equipos é maior. Todos os que están aquí o ano pasado fixeron un esforzo moi grande por estar nesta categoría. Moitos equipos fixeron un forte investimento para estar arriba. Creo que vai ser moi igualada, estamos a velo. Vai ser a tónica durante todo o ano. Xogadores dun nivel parello, diferentes modelos de xogo pero todos con tendencia a algo similar. É máis competitiva porque ao final hai menos equipos e en teoría teñen que ser de máis calidade, como así o son”.

Lembra non obstante que “o que a nós nos incumbe é mellorar o que está nas nosas mans, que son os nosos xogadores. Ir pasiño a pasiño. Agora mesmo a prioridade que temos é que o equipo mellore, que será unha constante durante todo o ano, pero agora mesmo está todo empezando a andar”.

-Foto, Vídeo e Texto : rcdeportivo.es