ROLDA DE PRENSA DE BORJA JIMÉNEZ, PREVIA AO TALAVERA-DEPOR :

 

Borja Jiménez manifestou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que Antoñito “é un xogador dunhas características moi claras, que son as que estabamos a buscar: lateral alto, con chegada, con boas situacións de centro. Pode cumprir perfectamente todos eses requisitos que queriamos para o lateral dereito nunha posición onde desde hai algún mes xa non tiñamos a ninguén. Tivemos que ir poñendo parches por dicilo dalgunha maneira, inventando diferentes situacións. Agora coa incorporación de Antoñito temos un xogador específico nesa posición que seguro que nos axuda”.

O técnico deportivista afirma que “se todo é normal co tema das fichas e demais”, convocará a Antoñito para o choque deste domingo 24 de abril ás 12:00 (Footters e Fuchs-Sports) en Talavera de la Reina: “Viaxará como un máis do primeiro cadro que para iso se fixo; sabendo que non chegará no seu mellor estado porque é normal, pero viaxará e estará connosco”.

Explica que a súa fichaxe se debe a que se trata “dunha posición na que os lesionados non evolucionan. Non sabemos se imos poder contar con eles no que queda de ano. É unha demarcación que queda libre. Por como está a evolucionar a xente desa demarcación decidimos dar o paso de poder incorporar a alguén. Vendo as limitacións que tiñamos para poder asinar aí escollemos ao que criamos que era máis acorde coas nosas necesidades”.

Advirte que “se viaxa é porque pode xogar. De inicio ou non decidiremos. Está claro que veu para achegarnos, que ten que ir collendo aos poucos a forma. Iremos decidindo se é con máis minutos, con menos; valorando os riscos que poidan existir ou non de lesión. Quixemos que todo fose moi rápido precisamente porque é unha demarcación onde non tiñamos a quen situar. Esta semana non está Aguirre (sancionado por acumulación de amoestacións). Entre os que ocuparon ese lateral dereito e a posibilidade de Antoñito decidiremos con quen iniciamos e quen termina o partido; ou igual é o mesmo que inicia”.

Dá por feito que nos próximos días o Dépor sumará dous puntos máis por aliñación indebida do Athletic Club B e insiste que “o equipo xa o outro día deu mostras de que volveu estar a un nivel moi alto, a primeira parte ante o CF Rayo Majadahonda igual. O equipo está recuperado. Se contamos a do Athletic Club B fixemos tres vitorias seguidas. Dos últimos cinco fixemos catro vitorias. Eu creo que está recuperado. Quedan partidos que van ser difíciles en todo o que queda de ano. Independentemente diso ou non, o noso obxectivo é gañar a través de como o fixemos o outro día ou a primeira parte do CF Rayo Majadahonda de dar continuidade a accións boas de xogo durante moitos minutos independentemente de cal sexa o resultado. É momento polos resultados do equipo de pensar que estamos nese proceso de recuperación, de esquecernos xa e de centrarnos no que nos queda”.

Do CF Talavera de la Reina, Borja Jiménez pensa que “nos imos a enfrontar a un rival que en casa gañou ao UD Logroñés. O outro día perdeu co RC Celta B na última acción. É o único equipo que foi capaz de non perder ante o Racing nestas doce semanas. Fala moi ben de como fan as cousas en casa. Os números nese sentido son positivos. É certo que cambiaron de adestrador, cambiaron algunhas cousas que facían antes que agora non fan; e ao contrario outras que antes non facían e que agora fan”.

Vaticina en El Prado “o partido máis importante para a súa afección. Veremos un campo cheo, xente que aperte. Están a xogarse o descenso, ou sexa, que será un partido de moito ambiente, de tensión, cun rival que as opcións que teña de permanencia van pasar polo que faga en casa. Porannos as cousas difíciles seguro”.

-Foto, Texto e Vídeo : RC Deportivo

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies