ROLDA DE PRENSA DE BORJA JIMÉNEZ PREVIA AO DEPOR-DUX.

 

Borja Jiménez asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo estar preocupado “pola negatividade, entendéndose desde o aspecto de que non pode ser que agora nos empece a preocupar o terceiro porque senón nunhas semanas poderá ser o cuarto, o quinto… Nós imos ao noso, a facer os nosos puntos. Entendo que se escribiu que podiamos perder o segundo posto. Pode ser pero igual débennos 2 puntos que nolos darán esta semana. Non creo que teñamos que ser tan negativos nese aspecto. É algo que me sorprende e que creo que non nos axuda. Nós o noso camiño, a tentar gañar”.

O técnico deportivista pide “dentro do que cabe valorar, traballar, seguir tentando ser o máis positivos posible para conseguir os obxectivos. Entrar nun vórtice de que todo vai ir mal pois sinceramente non creo que nos axude”.

Aclarou que en Lezama, ao concluír o partido ante o Athletic B, “estaba desgustado por non gañar, porque desde o empate deles tivemos ocasións moi claras para facer gol e tiña o desgusto de non gañar. Xa sabedes que a miña esixencia é gañar cada día. Parece que o equipo que vai perdendo ou o equipo que encaixa un gol, cando quedan poucos minutos, sempre ataca máis. Isto é unha obviedade do fútbol, pasa sempre e en todas as categorías. Nós iso non o xestionamos ben porque non estivemos cómodos coa pelota. A maneira de xestionar as vantaxes é a través do balón, a través de ser superiores, a través de ter a pelota e o outro día non o fixemos partindo da base que o equipo rival obrigounos a defender máis; pero non porque o equipo dese un paso atrás de maneira preconcibida: ‘fixemos gol, agora imos botarnos para atrás’. Nada diso. Eles quitaron un lateral, sacaron outro punta, tiñan máis xente na última liña e non fomos capaces de recuperar o balón e sobre todo, cando o recuperabamos, telo. Tivemos algunha situación con 0-1 de transición bastante clara que non materializamos pero o desgusto era por non gañar, non porque os rapaces se botasen para atrás nin nada polo estilo”.

O adestrador branquiazul apunta que hai que mellorar “sobre todo nas áreas. É un pouco o que vimos acusando, non neste último tramo, senón durante todo o ano. Somos o equipo que máis expectativa de gol xera, non só este grupo senón da categoría e iso moitos días non está traducido en goles, en situacións de gol; xa nolas que se fallan senón eleccións dun último pase que se no canto de xogar á esquerda xogo á dereita ou se no canto de sacar o primeiro pase aguanto un segundo máis hai un xogador para definir só… Fáltanos en área rival non os dianteiros que as executen senón tamén esa toma de decisións. É algo que vai en correlación a algo que ocorreu durante todo o ano, algo que temos que seguir mellorando, que temos que seguir traballando sobre todo en área rival”.

Advirte ademais que “no que é o xogo perdemos un pouco esa esencia coa pelota, que o equipo vai recuperando a tramos. O outro día non fomos agresivos para defender porque nos custou máis tamén un pouco as características dos nosos xogadores e do equipo rival. Temos que ir mellorando iso de cara a este últimas sete xornadas e ao que poida vir. Temos que volver ser o mesmo equipo con moita tranquilidade, moita serenidade coa pelota que antes o faciamos de maneira constante durante case todos os partidos. Teño lido e escoitado moitas veces que eramos un equipo que nalgúns momentos eramos aburridos coa pelota porque dominabamos pero non xerabamos. Sinceramente, bendito aburrimento. Oxalá agora puidésemos ter tan claro os ataques ou puidésemos dominar tanto a través do balón que agora nos está custando máis e facémolo en tramos moi concretos de partido. Iso hai que alargalo e darlle continuidade. A nivel defensivo necesitamos pernas para cando non a teñamos poder recuperala. Aí non estamos tan finos como antes”.

Borja Jiménez sostén que “un aspecto fundamental é a mente, pero non só a dos xogadores, a vosa, a de todo o mundo. Temos que levar isto a unha dinámica de que se vai a conseguir, de ser positivos, de crer no obxectivo porque ao final se non é un pouco intoxicar toda a mente constantemente: se agora adiántanos este; si agora este gana, o outro empata e nós non gañamos pois… Non. Non. Imos ser positivos no que está nas nosas mans que é gañar, que dependemos de nós mesmos para conseguir o obxectivo a data de hoxe; de nós mesmos, de ninguén máis. Imos á focalizar aí. É o meu traballo como adestrador transmitirllo a toda a xente que teño aí abaixo, a toda a xente que está no día a día do Club. Hai que ser moi positivos. Desde esa positividad tentar conseguir os obxectivos”.

Subliña que “os xogadores saben moi ben o que fixemos ben, o que fixemos mal, o que temos que facer para mellorar” e pide “valorar que estamos segundos, sabendo que nos encantaría estar primeiros. Que moita parte do ano fomos primeiros, que deixamos escapar todo iso, xa nos habemos fustigado bastante todos para saber que estamos segundos e non estamos contentos. Unha cousa non quita a outra pero estamos segundos. Gañamos ao CF Rayo Majadahonda, que era terceiro ou cuarto cando veu aquí, con seis baixas. Non valoramos xa nada do que facemos. É unha percepción que eu non quero que a xente teña, que non quero que os xogadores a poidan chegar a ter e que me gustaría que vós tampouco porque nos quedan dous meses de competición, todos temos a mesma ilusión, todos temos o mesmo obxectivo e é fundamental que sexamos positivos, que valoremos o que teñamos, que se temos que xogar o playoff porque non somos campións pois valoremos xogar un playoff de ascenso. É complicado xogar un playoff, é complicado ascender, é complicado ser campión. Nada é sinxelo. Algo ben estaremos a facer para chegar a este punto con esta puntuación. Se nos dan os puntos que creo que nos merecemos teremos 60. Seremos o segundo equipo con máis puntos dos 40 que hai na competición xuntando os dous grupos. Algo ben estamos a facer nese camiño e creo que focalizar niso, sabendo que facemos cousas mal, vainos a axudar a ver as cousas e o ceo, aínda que hoxe teñamos néboa, máis despexado. Para conseguir as cousas hai que crer que se van a dar, non pensar que vai ir mal”.

Opina que “fixemos unha primeira volta de 43 puntos e agora temos unha bagaxe na segunda volta malo. O conxunto en xeral é moi bo. Xúntasenos iso e xúntallenos que o Racing está a facer unha segunda volta espectacular. É dos equipos en Europa con máis puntuación, están a facer as cousas moi ben. Xuntouse que nós non estamos tan ben como na primeira volta. Non sei como estariamos agora se estivésemos moi ben na segunda volta; pois probablemente non estariamos a 9 puntos, estariamos empatados, sacaríannos 3 ou nós 1. Por desgraza tocounos ter un rival enfronte que está a facer as cousas moi ben. É fodido pero é que no deporte pode pasar isto. Entón xuntáronllenos as dúas cousas: que nós fixemos as cousas moi ben na primeira volta, tiñamos 43 e eles 37. O problema é que agora eles levan 10 vitorias e 2 empates na segunda volta, quitando que levan sen perder desde decembro. Se de 36 fixeron 32 puntos é unha puntuación moi alta”.

Finalmente, sobre o DUX Internacional de Madrid, Borja Jiménez alerta que “nos imos a atopar un equipo moi ofensivo. É dos que a súa proposta de xogo gústame máis porque son valentes, porque o míster o entende así, porque lembro que o partido de ida foi moi apaixonante”.

Así pois, visualiza mañá domingo 17 de abril ás 12:00 en ABANCA-RIAZOR (TVG-2, G24.gal, Footters e Fuchs Sports) un partido “onde os dous queiramos ter a pelota, onde os dous imos tentar dominar o xogo. Será un partido alegre, eles con bos futbolistas. É verdade que veñen dunha derrota dura (0-3 ante o Real Racing Club), pero mañá é un día para ver bo fútbol. Así que convido a todo o mundo a que acuda, a #ANOSAFORZA, que vai ser moi importante non só neste partido senón en todo o que queda; se temos que xogar o playoff, no playoff… Que veñan, que nos axuden, que necesitamos unha vez máis, como fan sempre en ABANCA-RIAZOR e fóra, o seu agarimo, o seu alento e que os xogadores llo agradecen sempre”.

-Foto, Texto e Vídeo : RC Deportivo