ROLDA DE PRENSA DE BORJA JIMÉNEZ COAS SENSACIÓNS NESTE REMATE DE PRETEMPADA CO ENCONTRO ANTE O BERGANTIÑOS.

 

Borja Jiménez manifestou no día de onte na sala de prensa de Abegondo que o Dépor chega ao comezo da competición “en bo momento. Quédanos mañá o amigable para acabar o que foi unha moi boa pretemporada en canto a sensacións, en canto a resultados. As sensacións son boísimas, coa xente moi axustada, moito máis do habitual nunha pretemporada; co grupo con moitísimas ganas. Iso é o que a min me tranquiliza. Teño a tranquilidade de ver aos rapaces traballar cada día e de facer as cousas moi ben. O que temos é ganas de que empece a competición e esperar ao sábado”.

Reitera que “imos máis avanzados porque temos unha base importante do que foi o ano pasado. Moitos xogadores continuaron e coñecen perfectamente o que queremos. Os que viñeron axustáronse moi ben; cando tes que encaixar seis ou sete pezas é moito máis fácil que cando tes que encaixar dezaseis porque rapidamente se dan conta ao que quere xogar o equipo, as necesidades que ten, o que lles imos dicindo aos xogadores que queremos de cada un deles en cada momento do partido, en cada posición do campo… Iso permitiunos chegar en moito mellor momento por coñecemento dos xogadores, por coñecemento da contorna, porque xa coñecen tamén ao corpo técnico, aínda que modificásemos algunhas cousiñas á hora de adestrar, xa non só no sistema: seguimos xogando con 3 por dentro porque me gustan moito os xogadores de dentro, pero Mario está a facelo cunha altura superior… Pero isto pode cambiar”.

Nesta liña, lembra que “construír un equipo tárdase moito. Dar continuidade a eses xogadores axuda a que todo vaia ben, pero cando falo de moito, non é cuestión de 5 meses ou de 6. Tárdase anos en construír un equipo. Estamos moi contentos nese aspecto e esperando a que poida empezar a competición, que termine o mercado e funcionar e a gañar, que é o que necesitamos”.

Preguntado por Roberto Olabe, xa dispoñible para competir, o técnico deportivista comenta que “a semana pasada se fora necesario puidese participar. Esta semana fixo toda co grupo e mañá estará connosco e verémolo participar. Estamos contentos por como foi evolucionando, porque necesita coller sensacións de xogo e mañá as terá”.

Insiste en que case todo o cadro está dispoñible e recalca que “fomos moi coidadosos con eles durante a pretemporada porque é o mellor. Ante a mínima molestia é mellor parar. Se os médicos din tres días é mellor parar cinco para asegurarnos e que non haxa ningún risco. Non é o momento de correr ningún risco. Vai empezar a liga, isto vai ser moi longo, moi duro e imos necesitar de todos. O importante é que para a semana que vén, cando iniciemos os entrenos o martes, teñamos á maioría co grupo, que creo que vai ser así”.

Sobre os últimos días de mercado, comenta que “estamos a ter paciencia e seguro que conseguimos todo o que queremos”.

Pide “confiar na xente que está no Club, traballando neste departamento. Están a lle dedicar moito tempo e van conseguir todas as necesidades que temos”.

Prefire non falar sobre “futbolistas que non temos aquí. Mesmo é un pouco inxusto para os que están”; e volve insistir en que “a Dirección Deportiva está a traballar en incorporar o que cremos que nos falta e estou convencido que buscarán o mellor perfil que se poida adecuar á nosa forma de entender o xogo. Nomes supoño que sairían moitos porque vir ao Deportivo é moi goloso e moita xente quere”.

O adestrador branquiazul opina que “o importante é que quen veña queira estar aquí. Dáme igual o nome. Seguro que é bo futbolista porque a Secretaría Técnica non vai traer malos futbolistas. É moi importante que quen veña connosco queira estar. Chámese Lucas ou Juan ou como sexa. Futbolista bo vai ser porque senón non se poría a camiseta do Dépor nin estaría no radar da Secretaria Técnica”.

Iso si, pon en valor “a toda a xente que está connosco. Somos 18 xogadores de campo e 3 porteiros agora mesmo no cadro. É certo que é bastante máis curta que o ano pasado pero non hai problema. Traballaremos con toda a xente que teñamos aquí. O importante e o bonito é o momento no que chega o equipo, como está a facer as cousas, como entende as cousas e as ganas que teñen de estar aquí”.

Finalmente aclara que o cambio de Retuerta á media hora do Trofeo Teresa Herrera, o pasado sábado, “é anecdótico. É un cambio táctico, como podía ser o outro lateral. O que pasa que na esquerda con Víctor podiamos meter un xogador moito máis aberto, que fora un extremo. Pasamos de xogar con liña de 4 a liña de 3. Non vai máis aló que un cambio táctico como outro calquera que se poida facer no minuto 45, no 30, no 50. Non hai que sacalo de aí. Un cambio táctico que entendín que era o momento e así llo expliquei ao grupo e ao xogador. Creo que foi moi positivo para que todo o mundo poida entender que os momentos do partido hai que vivilos ao máximo. Non podemos saír desconectados a ningún partido, non podemos pornos por baixo 0-2 en ABANCA-RIAZOR ante ningún rival porque logo hai que remar moito como o fixo o equipo. Estamos moi contentos de como acabou o partido, do esforzo, de remontar, de empatar antes do descanso, de acertar. Estamos moi contentos en todo iso, pero tennos que servir de toque de atención”.

-Foto, Vídeo e Texto : rcdeportivo.es

Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies