“Temos que estar moi axustados”, nun Dépor-Real B marcado polo cambio de horario”.
O Deportivo recibe este sábado ás 21:00 horas á Real Sociedad “B” nun partido condicionado polo cambio de horario, que trastocou os plans de moitos afeccionados e mesmo do propio rival. O encontro adiantouse pola eliminatoria de Copa do Rei contra o Mallorca, prevista para o mércores en Riazor.
Na previa, Antonio Hidalgo repasou a actualidade do equipo e o estado da plantilla.
O técnico confirmou que o club permanece atento ao mercado: «Temos que estar atentos ao mercado e tomar a mellor decisión para o equipo», e destacou a competencia no centro do campo: «Patiño pode xogar de 6 e de 8… Os 6 máis puros son José Ángel e Gragera».
Coa ausencia de Villares, Noé volverá a unha convocatoria: «Vén dunha lesión longa e hai que coidalo». Tamén valorou o papel de Stoichkov, do que di estar “contento”, e o progreso de Samu, chamado pola selección sub-19.
Sobre o último partido, Hidalgo insistiu na autocrítica:
«Hai que estar axustadísimos. Non tivemos balón pero tampouco nos fixeron dano. Faltou equilibrio e orde».
En defensa recupera a Lou e Arnau, aínda que mantén baixas como Daniel, Ximo e Escu. Sobre o rival, salientou que «é un equipo que propón moitísimo» e que esixe máxima concentración.
O adestrador, crítico co cambio de horario, lembrou que afectou tamén ao rival:
«Isto vai de persoas. A Real tivo que cambiar viaxe e todo. É o que hai».
O Dépor buscará unha vitoria que lle devolva estabilidade nunha semana intensa e coa Copa no horizonte.
-Foto e vídeo : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”