ROLDA DE PRENSA DE ANTONIO HIDALGO : “Sabemos a dificultade, pero imos con calma e coa mentalidade de sufrir e competir”.

O Dépor busca o punto de inflexión ante o Valladolid: “Vai decidirse por detalles”

O Deportivo regresa este domingo a Riazor (21:00 horas/19:00 GMT) coa intención de poñer fin á súa racha sen gañar. O equipo de Antonio Hidalgo recibe o Real Valladolid, un dos candidatos ao ascenso, e o técnico branquiazul ten claro que o encontro será “moi igualado e decidido por detalles”.

“É un rival con moitísima intensidade e que xera moitas situacións de estrés cara adiante. Aínda que agora estean nun momento algo peor, están feitos para estar arriba”, advertiu Hidalgo na rolda de prensa previa.

Mellorar o balón parado

O adestrador recoñeceu que o equipo debe sacar máis partido ás accións a balón parado, unha das súas armas máis habituais. “Somos o equipo da Liga que máis remata nestas xogadas, pero temos que ser máis efectivos. En Santander non foi o noso mellor día niso”, admitiu.

“É unha bendición estar na Coruña”

Malia a presión que rodea ao club, Hidalgo mostrouse orgulloso de liderar o proxecto deportivista. “É unha bendición estar na Coruña. Todo fai que esteamos encantados. Hai presión porque estamos nunha gran institución e todo está moi comprimido. Sabemos a dificultade, pero imos con calma e coa mentalidade de sufrir e competir”, afirmou.

A racha sen triunfos e o valor da estabilidade

O técnico tamén se referiu á xeira de partidos sen gañar: “Cando chega, non gusta. Pero o vaivén de emocións, nas cidades que saben navegalo, é unha vantaxe. Temos que gañar cada semana, sabendo a quen representamos. É unha bendición traballar aquí. Talento temos, e tamén responsabilidade”.

Nomes propios

Hidalgo repasou varios nomes da actualidade deportivista. Sobre Noubi, explicou que “Lucas é introvertido, cambia de país e idioma. Hai que axudalo e coidalo, porque ten moita enerxía”.
En canto ao lateral dereito, sinalou que “participaron Lou e Lucas, mentres que David dálle amplitude. Con Ximo estabamos máis equilibrados”.

Tamén destacou o bo momento de Mella: “Dános moita profundidade pola banda. É moi solidario, está cómodo e ten unha enerxía tremenda. É compromiso e esforzo incrible”.

No referente ao mercado, Hidalgo foi claro: “O inmediato é centrarnos no que temos. Pola esquerda poden xogar Rubén e Lou. Estamos xustos de efectivos, pero non pensamos niso. O foco está no Valladolid”.

Escudero, baixa de longa duración

O técnico confirmou que Escudero estará varias semanas fóra dos terreos de xogo. “Vai estar máis dun mes seguro, é máis do que queriamos”, lamentou. Ademais, Escu, Ximo e Daniel seguirán fóra e teñen lesións de longa duración.

Optimismo para o domingo

Malia as baixas e o desgaste, Hidalgo quedou coa mellor imaxe do equipo no tramo final en Santander. “O equipo acabou moi forte e cos cambios fomos capaces de xerar ocasións de gol”, valorou.

O Dépor afronta o duelo ante o Valladolid coa necesidade de sumar de tres, recuperar confianza e converter Riazor nun escenario propicio para o impulso. O técnico pide calma, intensidade e fe: o domingo toca sufrir… e gañar por detalles.

-Foto e vídeo : RC Depotivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”