ROLDA DE PRENSA DE ANTONIO HIDALGO PREVIA AO GRANADA-DEPOR.

 

Antonio Hidalgo compareceu esta mañá na sala de prensa de Abegondo e fixo fincapé na importancia de afrontar o encontro deste sábado 16 de agosto ás 21:30 horas (Dazn e LaLiga TV Hypermotion) no Estadio Nuevo Los Cármenes de Granada coa máxima tensión competitiva. “Hai que ter esa sensación de necesidade, de estar en alerta permanente. Iso é o que che permite estar preparado para calquera situación”, sinalou.

Sobre a preparación do equipo ao longo da pretemporada, o adestrador explicou que a progresión foi positiva, “sempre indo a máis”, pero subliñou que para lograr os tres puntos será preciso esixirse ao límite.

En relación ao rival, Hidalgo destacou que o Granada CF mantén continuidade no banco con Pacheta, aínda que introduciu cambios na plantilla. “Incorporaron xogadores novos e aínda están pendentes de poder inscribir a algún máis. Iso pode facer variar a súa proposta segundo quen entre en xogo”, apuntou.

Do equipo andaluz espera unha posta en escena intensa: “Son moi agresivos, van presionar arriba e a alta velocidade. Desde a chegada de Pacheta, esa foi a súa identidade”, explicou, augurando “un partido cheo de duelos individuais” no feudo granadino.

En canto aos seus futbolistas, Hidalgo mostrou total confianza: “Os que están aquí son a miña xente. Trato de levalos ao seu máximo nivel. Contamos con moito talento, aínda que ás veces é complicado equilibralo. A nosa obriga é darlle valor a quen defenda esta camiseta e este escudo. Temos que facelos sentir fortes e implicados no sentimento deportivista, e eu son o primeiro en facelo desde que cheguei”.

Para rematar, o técnico asegurou estar moi satisfeito co rendemento dos reforzos incorporados no mercado: “Apostamos ben polas posicións nas que necesitabamos mellorar. Achegáronnos calidade, pero sobre todo carácter”.

-Foto e vídeo : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”