ROLDA DE PRENSA DE ANTONIO HIDALGO PREVIA AO DEPOR-BURGOS : “Hidalgo chama á unión da bancada e ao apoio ás vítimas dos incendios”.

Hidalgo chama á unión da bancada e ao apoio ás vítimas dos incendios na previa do Dépor-Burgos

O Deportivo estréase este domingo en Riazor na tempada 2025/26 cun duelo fronte ao Burgos CF (17:00 horas/16:00 GMT). Un debut na casa que Antonio Hidalgo afronta con “moitísimas ganas” e coa ilusión de ver ao estadio entregado dende o primeiro minuto.

O técnico branquiazul quixo comezar a súa intervención en Abegondo cun recordo solidario:

“Quero lanzar unha mensaxe de apoio para os afectados polos incendios. É unha situación moi difícil a que están a soportar. Estamos con eles tanto eu como o Club. Mandámoslles un abrazo enorme, toda a forza do mundo. E tamén a todos os efectivos que están a traballar na extinción. Un abrazo enorme e esperemos que se pase pronto”.

Hidalgo apelou ao papel determinante da afección para este primeiro encontro en Riazor:

“Temos que agarrarnos a nosa afección. Eles teñen que sentir que son a forza do Club, o motor do Club. Temos que ter unha comuñón incrible, facerlles ver e sentir que son fundamentais. Téñennos que levar polo aire neses momentos nos que seguramente os imos a necesitar. Ese sentimento de pertenza que hai na cidade que nolo dean, que estean ao noso lado, que sintan a fortaleza de que cando animen a Os Nosos vai ser moito máis sinxelo”.

O adestrador recoñeceu ademais que está ao tanto da gran previa organizada para este domingo. A Federación de Peñas Deportivistas, os Riazor Blues e os Old Face convocan unha romaría na rúa Almirante Cadarzo, xusto ao carón do estadio, dende as 12:00 e até as 16:30 horas, (media hora antes do inicio do partido). “Encántame que se note esa forza e esa ilusión pola rúa. Sei que hai montado unha serie de actos das peñas e estou encantado de que isto se palpe”, destacou.

No plano deportivo, Hidalgo incidiu na importancia da mentalidade e da entrega como chaves para consolidar o equipo:

“Tentamos montar unha estrutura que poida soportar diferentes situacións, sobre todo co talento que temos arriba, que é diferencial. A nosa marxe de mellora está na mentalidade: loitar, sufrir, ter esa sensación de necesidade, de ir ao límite en cada momento para sacar 3 puntos cada semana”.

Finalmente, o técnico confirmou os homes que exercerán de capitáns esta campaña: Villares, Escudero, José Ángel, Ximo Navarro e Yeremay. “Están a achegar desde a súa experiencia no vestiario”, subliñou.

O Dépor-Burgos deste domingo, máis ca un debut na casa, quere ser unha festa de unión entre equipo e seareiros, coa mirada posta nos tres primeiros puntos en Riazor.

Esto e máis escoitando o vídeo.

-Vídeo e foto : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”