Antonio Hidalgo compareceu na previa do encontro entre o Depor e o Huesca, (mañán venres ás 20:30 horas/18:30 GMT), e fixo unha análise ampla do partido que agarda en Riazor.
O técnico advertiu primeiro da dificultade do rival: “O Huesca está a facer un gran inicio de tempada e vainos poñer as cousas moi complicadas”. O regreso ao que foi a súa casa tamén lle trae lembranzas: “Con todo o que vivimos alí, volver é un orgullo e unha ledicia”.
Sobre o plan de xogo, subliñou que se enfrontarán a “un equipo valente, que aperta moito, polo que haberá que estar preparados para sufrir”. En canto ás baixas, confirmou que só José Ángel e Gragera non estarán dispoñibles.
Recoñeceu que o Huesca é un conxunto sólido: “Custan moito que lles fagan gol, será un duelo complicado”. Tamén lembrou o que significou a súa etapa alí: “Naquel momento logramos darlle a volta a unha situación crítica, sobre todo a nivel emocional”.
No capítulo individual, comentou a ausencia de Mella, convocado coa sub-20: “É un recurso menos, pero estou contento por el; aos adestradores tócanos reinventarnos”. E advertiu contra a euforia: “Necesitamos que a afección veña preparada para sufrir, porque sacar os tres puntos vai custar”.
En ataque, valorou a competencia xerada: “Os dianteiros viven do gol; Zakaria quere xogar todo, pero sobre todo quere marcar. Cos cinco cambios temos moitas opcións”.
Do ambiente en Riazor, destacou que haberá fases nas que o Huesca leve a iniciativa, e insistiu na importancia da confianza: “Só se consegue co traballo. Cando a xente apoia, a forza multiplícase”.
Tamén puxo en valor a situación do cadro actual: “Hai uns meses xogaban sempre os mesmos; agora temos variantes, e asumir os roles é clave para estar máis preto do éxito”.
En relación á posibilidade de liderado, Hidalgo restou importancia: “O que importa é gañar; esas contas só teñen sentido na última xornada”.
Mirando cara ao último partido en Riazor, apuntou: “Os encontros decídense por momentos; co 1-2 puidemos complicarnos, e mañá tamén será un choque moi igualado”.
O reencontro co Huesca será especial: “Vivimos moito alí e conseguimos saír adiante nun momento difícil”. E, para pechar, valorou o factor campo: “Todos queremos xogar na casa. O Huesca ten xogadores de gran nivel e espero un partido moi igualado”.
-Foto e vídeo : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”