ROLDA DE PRENSA DE ANTONIO HIDALGO NA PREVIA DO SÁMANO-DEPOR DA “COPA DO REI” : “Temos que defender o escudo con orgullo e saír da dinámica negativa”.

O Depor afronta este xoves a súa estrea na Copa do Rei ante o Sámano, con ganas de recuperar sensacións e confianza tras unhas semanas complexas en liga. O encontro, que se disputará no campo de Riomar (Castro Urdiales), servirá tamén como oportunidade para que xogadores con menos minutos poidan demostrar o seu nivel.

Na previa, Antonio Hidalgo transmitiu unha mensaxe de compromiso e intensidade. “Coñecédesme pouco e eu tamén vos coñezo pouco, pero o que si podo asegurar é que desde o primeiro día estou completamente volcado. Vou con todo e traballo como un tolo. Igual que os meus xogadores, que o dan todo en cada momento. Uns días estaremos máis acertados e outros menos, pero sempre defenderemos o escudo, a cidade e as cores ata o final”, afirmou o técnico deportivista, visiblemente decidido a virar a situación.

Saír da dinámica negativa

O adestrador recoñeceu que o equipo precisa atopar de novo a súa mellor versión:

“O máis importante é saír das dinámicas cando son negativas. Nos últimos partidos non tivemos moito volume de ocasións, pero noutros si. Un gol cambia moito, e agora mesmo temos que romper esa tendencia canto antes”.

Hidalgo lembrou que o Dépor pasou de momentos de confianza total a unha racha que “foi pesando” nos xogadores:

“Empatamos en Eibar no 94, logo outro empate na casa e dúas derrotas seguidas… iso afecta. Hai que analizar o estado anímico e tamén o táctico para recuperar sensacións”.

Críticas e autocrítica

Preguntado polas críticas recibidas nas últimas semanas, Hidalgo respondeu con tranquilidade:

“Entendo perfectamente que cada quen teña a súa opinión, é respectábel, aínda que non sempre estea acertada. Eu teño a miña visión e traballo no día a día con ela. Isto funciona así, vós facedes o voso traballo e eu o meu, sen problema”.

O técnico recoñeceu que o equipo “precisa gañar”, porque “no fútbol todo cambia cando se consegue unha vitoria”. “Competir é iso, sumar e seguir. A importancia está en volver sentirnos fortes e sólidos”, engadiu.

Un rival con ilusión e un Dépor obrigado a responder

Sobre o Sámano, Hidalgo destacou o entusiasmo e o mérito do conxunto cántabro:

“É un equipo que chega coa ilusión dun ascenso histórico. Fan un xogo directo, buscan segundas xogadas e cargan moito o área. Hai que igualar a súa intensidade e saber ler os momentos do partido. A Copa é enganosa, todo se iguala moito nun partido único”.

Tamén insistiu en que o Deportivo debe “competir e honrar o escudo” con profesionalidade:

“Hai xogadores con menos minutos que teñen moitas ganas de demostrar o que valen. É un partido para facelo co máximo compromiso e concentración”.

O técnico confirmou que haberá futbolistas do Fabril na convocatoria:

“Temos algúns xogadores con molestias e imos ver cantos podemos levar. Os rapaces do filial están preparados e están a facer unha gran tempada”.

Unha oportunidade para reforzar o grupo

O Dépor permanecerá uns días fóra da Coruña entre o desprazamento a Cantabria e o posterior partido en Zaragoza. Hidalgo explicou que a decisión de non regresar de inmediato busca “reforza-los lazos do grupo”:

“Cando as cousas non van ben, é positivo estar xuntos, falar máis, sentir máis. Creo que nos vai vir moi ben”.

O adestrador tamén recoñeceu que o último encontro foi “o peor desde que chegou”, pero prefire quedar coa lección:

“Non fixemos un bo partido, pero soubemos resistir. Agora toca mellorar, volver ser sólidos e recuperar esa sensación de poderío que tiñamos ao principio, sobre todo sen balón”.

FICHA DO PARTIDO

  • Primeira rolda da Copa do Rei

  • Sámano-Depor

  • Campo: Riomar (Castro Urdiales)

  • Árbitro: Álvaro Moreno Aragón (Comité Andaluz)

  • Hora: 21.00 h

  • Televisión: TVG

 

 

-Foto e vídeo : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”